luns, 30 de marzo de 2015

DEPORTE ESCOLAR (II)

Este xoves 26 recibimos aos alumnos/as de Soutelo de Montes para participar nunha nova xornada de Deporte Escolar. Como a mañá empezou un pouco accidentada (nada de gravidade) e os invitados chegaron algo tarde non tivemos ocasión de xogar ao axedrez pero sí ao resto de disciplinas. Voltamos a estar bastante ben pero creo que o mellor foi ver de novo ao noso compañeiro, Adrián Mariño, que comezou este curso no cole rival.Foi unha mañá entretida!!!

sábado, 28 de marzo de 2015

SEMANA ARREDOR DA POESÍA.

Como o día 21 de marzo (sábado) celebrouse o Día Mundial da Poesía , na clase e no cole, andivemos a cen vivenciando esta data.Desde a Biblioteca  propuxéronnos a actividade do "Apadriñamento lector".
Como?Si, a nós pasounos o mesmo!!!
Consiste en apadriñar un compañeiro/a para lerlle un poema. Tamén  aproveitamos para escribir e ilustrar a poesía e así decorar o centro. Primeiro, fíxose un sorteo para xuntar ás parellas(apadriñaban 3º,4º,5ºe 6º), despois facíase a lectura no recreo da mañá e, por último, ilustrábase pola tarde.
Tivemos que facer un pouco de trampa. Xa levamos o poema escrito para decorar e que os nosos apadriñados nos axudaran a completalo en función da súa idade.
Na presentación seguinte poderedes ver o resultado dos nosos traballos. Clicade sobre as imaxes para velas ben.


Pero a profe tamén tivo un afillado, Hugo, de 4 anos.O que pasa é que o día da lectura os afillados aumentaron,jejeje.
E  este foi o resultado final.

venres, 27 de marzo de 2015

O TEATRO TEN DÍA?

Non quería deixar pasar esta ocasión sen felicitar a todos  e todas os que coa súa vocación e profesión se adican a unha das artes máis ancestrais e engaiolantes  das que o ser humano pode gozar: O TEATRO.
Aquí tendes material para traballalo.
FELIZ DÍA!!!!

mércores, 25 de marzo de 2015

PERELLA VOLVE.

Xa facía tempo que non tiñamos novas da nosa fada preferida (e da única que coñecemos ademais). Pero hai un par de semanas, Daniel e Ana escribíronlle e....tivemos a sorte de recibir resposta. Díxonos que estaba bastante atarefada facendo das "súas", que a xulgar polas comiñas non pode ser nada bo. Que lle imos facer tocounos unha fada "fedella".Tamén incluía no noso sobre unha carta para Diana, que lle escribira con anterioridade e debíalle unha resposta. Máis vale tarde que nunca!!!

luns, 23 de marzo de 2015

COMO A VIDA MESMA(XVIII) (2014-2015)

Como xa vos dixen o sábado, o 21  de marzo, celébrase o Día Mundial da Síndrome de Down e voltamos ao tema dos días sinalados. Xa sabedes a miña opinión ao respecto pero tamén creo que se podemos visualizar determinadas cuestións, benvidas sexan as datas concretas!!!
Escollín este vídeo, que circulaba pola rede, porque creo que reflexa moi ben a relación entre nais e fillos  a secas, sen etiquetas, e , como moi ben di o slogan, a vida é outra cousa. 
O único que podemos facer con ela é vivila. Como? Iso xa é outro cantar!!!
Máis información aquí.

Tamén tivemos celebración onte,22 de marzo, o Día Mundial da Auga, este ano baixo o lema Sostibilidade. Escolleuse esta data, en 1993, para reflexionar sobre a función esencial da auga e para propiciar melloras para o seu aproveitamento.Se clicades sobre a imaxe poderedes aprender máis.
Imaxe obtida en Cartelitosface.

Xa vedes que hoxe a sección ven cargadiña. Son temas completamente diferentes pero quixen utilizar a actualidade para levarvos á reflexión. Creo que son asuntos ben interesantes e que lle podemos sacar partido, non credes?

(NOTA: para a semana que ven non teremos sección xa que estaremos de vacacións. A profe tamén o intentará).

sábado, 21 de marzo de 2015

DÍA SINALADO.

Que a poesía teña un día, é estupendo pero nós somos máis ben de poesía todo o ano.Desde a Biblioteca do cole propuxéronnos unha actividade moi chula para estas dúas semanas e cando rematemos xa vos contaremos a experiencia. Mentres agardamos, celebraremos este día como se merece!!!(Tamén é o Día Mundial da Sídrome de Down pero falaremos sobre o tema no próximo "Como a vida mesma").
Na clase,  buscamos unha poesía que nos gustou, recitámola (algún ata a aprendeu de memoria) e despois ilustrámola ao noso gusto. Este é o resultado. Espemos que vos guste!!!
 
Eu quero aportar o meu granciño de area cun poema dun autor que me encanta : Gustavo Adolfo Bécquer e que creo que é moi axeitado para este día
Vídeo obtenido del Canal Prescenico.
FELIZ DÍA A TODOS/AS!!!!

venres, 20 de marzo de 2015

DÍA DE...

Hoxe é o día que comeza a primavera, celébrase o Día Mundial da Felicidade e da Tradición Oral e por se fose pouco, pola mañá tivemos un eclipse!!!
Para celebrar felizmente o comezo da nova estación deíxovos estes contiños sobre area moi ben narrados.

FELIZ DÍA!!!

xoves, 19 de marzo de 2015

mércores, 18 de marzo de 2015

ECLIPSADOS.

Imaxe obtida na rede.

O próximo 20 de marzo producirase un acontecemento que non estamos acostumados a ver todos os días.Entre as 9:00h e as 11:18h  terá lugar  un eclipse de Sol que, se a metereoloxía acompaña, poderá verse optimamente desde Galicia. Un eclipse é (explicado de maneira sinxela) un fenómeno que consiste na ocultación gradual do Sol por parte da Lúa.
Seguramente poidamos observalo pero nunca de maneira directa. Nas páxinas que vos enlazo a continuación aparecen trucos para que poidamos gozar do espectáculo de forma segura. O mellor é preparalo cunha persoa adulta que saiba o que hai que facer e que nos supervise, por se acaso.

En Astroescolar aparece información interesante sobre o tema
Na páxina  de Ciencia Galega enlaceivos a todas as entradas que falan da eclipse .(De interese: Cinco sinxelos trucos para observar a eclipse,Así se verá a eclipse en Galicia ou Galicia asiste ao espectáculo da eclipse de Sol).
Imaxe obtida en PortalCiencia.

martes, 17 de marzo de 2015

O INVERNO EN VERSO.

Antes de que remate o inverno e como preludio ao gran día da Poesía, aquí quedan os poemas creados polos alumnos/as de cuarto sobre a mencionada estación. Que vos gusten!!!

luns, 16 de marzo de 2015

COMO A VIDA MESMA(XVII) (2014-12015)

Hoxe volta á nosa sección un vello coñecido, que persoalmente botaba de menos, Andrés Faro. Co seu humor cercano e respetuoso achéganos ás problemáticas cotiás cun sorriso. Nesta ocasión poñemos  a vista nos dispositivos móbiles e o que poden ter de nocivos no noso día a día.No cole non están permitidos como obxectos persoais que se poidan traer da casa e nos recreos o balón é moi popular (ás veces ata conflictivo, pero ese é outro tema).A reflexión queda para o tempo  de lecer e para cando se medra un pouco.
Onde queda o xuntarse coa panda para dar unha volta e facer algunha falcatruada?E tomar un café cuns amigos para poñerse ao día das nosas vidas?Se todo o solucionamos cun wassap ou unha pantalla, pronto perderemos o máis importante da nosa esencia: a HUMANIDADE.(Con todo o que iso conleva).
Aí o deixo!!!!

domingo, 15 de marzo de 2015

SEMANA DA PRENSA.

Durante estes días, con motivo da celebración da semana da prensa, estivemos traballando na nosa aula co xornal. Despois de ollalo decidimos facer unha actividade que consistíu en escoller a nova que máis nos chamou a atención, lela e escribir o que nos contaba.Non foi tarefa fácil, xa que nos custou procesar, ás veces, tanta información, pero cun pouco de axuda, todos/as o conseguimos. Despois fixemos uns murais coa nosa labor. Que vos parecen?




Se clicas aquí, irás a uns xogos sobre a prensa no  blogue Os nosos xogos.

venres, 13 de marzo de 2015

UNHA DE PREMIOS.

Nestes últimos días recibín varios premios que me fixeron moita ilusión pero aínda non tivera tempo de facer un post para agradecelos.
Dende os blogues Aula Tic ( de Ana Martínez),Las Tic en Primaria ( de Isabel Piñero) e Escuela infantil castillo de Blanca  (de Blanca Lafarga) fannos chegar o Black Wolf Blogger Award.
E Mirian Cartagena de Puertas a la imaginación envíanos outro Black Wolf Blogger Award.
Moitísimas grazas, Ana, Isabel, Blanca e Mirian por pensar neste blogue como merecedor destas distincións que nos concededes.

Agora vamos con normas e nominacións:
-Agradecer a quen cho concedeu(xa está feito).
-Contestar cinco preguntas.
-Nominar a 15 blogues.
(No segundo premio deben nominarse a cinco blogues)
Cuestionario:
-Cal foi o primeiro libro que liches?
Non me lembro, pero teño o recordo duns Reis que me trouxeron "Micaela no sabe jugar" de José Luís Olaizola.Por suposto aínda o conservo.
-Por que escribes?
Porque me gusta, porque me serve, porque me libera.
-Tes unha musa ou inspiración?
Depende. Inspírame o que vexo, o que vivo, o que soño....
-Escribes o que vives ou vives o que escribes?
As dúas cousas.
-Quen foi o teu gran amor?
Aínda que soe a tópico: foi e é a familia.

Co voso permiso non vou nominar a outros blogues porque , a parte de que sempre me custa moito,xa chego tarde, e a maioría dos blogues aos que eu llo concedería xa o recibiron. De todas formas, outorgo os distintivos a todos aqueles blogues que me visiten e que lles apeteza telo.

mércores, 11 de marzo de 2015

CAMIÑANTE NON HAI CAMIÑO.

Cartel da Película.
Se premes sobre el, irás á páxina oficial do filme.

O mércores pasado, visitamos o Auditorio de Soutelo de Montes (que lástima ter un auditorio e que o frío cho faga aborrecer) para visionar o filme de Pascal Plisson "Camino a la escuela" .A película resultounos moi interesante, sobre todo porque nós non temos practicamente obstáculos para acceder ao colexio.
Aquí vos deixo o trailer da película e as crónicas  dos alumnos / as sobre este día.



luns, 9 de marzo de 2015

COMO A VIDA MESMA (XVI)+PUNTOS

Como me coñecedes, nenos/as!!!!Pois sí, eu sigo de celebración. Onte foi 8 de marzo e hoxe é 9,e sigo querendo o mesmo mundo limpo, pacífico e igualitario para todos e para todas. Gustaríame, nesta ocasión, traervos unha das mellores voces do noso panorama musical; Guadi Galego, que nos intrerpreta "Matriarcas". Esta canción pertence ao seu último traballo discográfico"Lúas de outubro e agosto".
Xa sei que vos gusta outra música , pero debedes abrir os oídos e a mente  a todo, para así poder escoller. Ademais , quen dixo que non nos poden gustar diferentes estilos? Gozádea e entendédea.

E que vos parece se aproveito para poñer os últimos 5 puntiños do trimestre?Pois , veña, alá van.


O que tendes que facer é ben sinxelo:
1. Ollade o vídeo sobre corenta mulleres que fixeron historia.
2. Escollede 2 que vos chamen a atención e buscade o por que da súa relevancia ( a súa profesión, un feito histórico no que participaron, un descubrimento...)
3. Presentádeo da seguinte maneira: Nome, data de nacemento e falecemento e país de orixe ( Todo iso está no vídeo.Coidado:Margaret Tatcher xa faleceu). Engadide o que fixo de especial.
4.Por último,buscade outra muller extraordinaria, que non apareza no vídeo, e facede o mesmo.
O prazo de entrega será o próximo luns, 16 de marzo.
Veña, que xa os últimos da avaliación!!!

domingo, 8 de marzo de 2015

UN DÍA É UN DÍA.

Imaxe atopada na rede.

Miña  nai; estamos rodeados de celebracións!!!!
Esta do 8 de marzo é unha das que menos clara teño porque a orixe está confusa, non sei se ten que ver co xénero, co traballo; e como non hai un día do home....ufff que lío!!!!
Si, nenos e nenas, estou sendo irónica. Pero non vos preocupedes, que sen celebración non imos quedar.
Conmemoraremos a igualdade; porque non necesitamos un día no calendario, solo ter os mesmos dereitos.
Deixovos este traballo sobre a evolución da imaxe da muller nos contos Disney que me pareceu interesante porque reflexa un cambio social necesario. Se os debuxos poden, nós tamén.
En practicopedia.com aparece este vídeo explicativo sobre esta data.

venres, 6 de marzo de 2015

CELEBRÁMOSTE, ROSALÍA!!!

Agora tócame a min!Xa vistes o precioso traballo colaborativo que realizamos os da clase de cuarto xunto cos nenos/as de Educación Infantil de 3 e 4 anos. Pois hoxe serei eu a que vos sorprenda(espero)cunha "presentacionciña" dos mellores momentos dese día.
Aparte de crear unha biografía en verso sobre a autora que ilustraron os peques e do marabilloso vídeo que editou a profe Vane con ese traballo; tamén fixemos festa o 24 de febreiro. Pasámonos pola clase de Infantil a recitarlles de viva voz a nosa creación e eles ensináronnos como ían os seus debuxos. Despois recitamos versos de Cantares Gallegos e inmortalizamos o día facendo fotos. Pero o mellor estaba por chegar. Da man da profe Vane apareceu unha caixa con doces chuches que nos levamos a mar de contentos para conmemorar o aniverario de Rosalía.
Aquí queda a proba do ben que o pasamos!!!
Grazas por actividades tan gratificantes e sorpresas tan doces.

mércores, 4 de marzo de 2015

HORA DE LER (III)

Seguimos intercalando (cando hai un oco) as lecturas aportadas polos nenos e nenas de cuarto. Nesta ocasión, Iván, trouxo á aula un libro titulado "Los animales cuentan 365 historias" da editorial Servilibro. Como trae historias moi curtiñas non dubidamos en ler as correspondentes a varios días. Este libro encántanos!!!

luns, 2 de marzo de 2015

COMO A VIDA MESMA (XV) (2014-2015)

O pasado sábado, 28 de febreiro, ademáis de celebrar o día de Andalucía , era o Día Mundial das Enfermidades Raras.Pensara en non mencionarvos esta data, non por pouco importante, senon por non saturarvos con  recordatorios de enfermidades. Cando estaba preparando a sección, paseime polo blogue da amiga Natalia Longo ( Orientación Condesa) e lin o fermoso post que fixo sobre esta conmemoración. Aí foi cando pensei que tiña cabida dentro deste espazo aínda que xa pasara o día. A enfermidade  é algo habitual que nos rodea  e que o longo da vida nos tocará sufrir. Non tivestes nunca un arrefriado? E unha gastrite? Sei cal é a resposta porque esta última semana o que máis e o que menos estivo pachucho. Con isto quero facervos reflexionar sobre o significado de estar enfermo e ter unha cura. Pero.... e se a enfermidade é rara? E se os gobernos non invirten en investigación porque non o consideran  rendible?E se de tanta reflexión un de vós sae investigador e inventa unha cura para unha destas  enfermidades?
Si, quero quitarlle  ferro, pero tamén desexo que abrades os ollos ao mundo porque nas vosas mans está cambialo.
Premede na imaxe para ler a interesante entrada de Natalia.
A FEDER(Federación Española de Enfermidades Raras) propuña este xesto para facer visible este colectivo nas redes: Pois  nós sumámonos tarde, pero facémolo; porque as datas son solo iso, datas, e os problemas están aí todo o ano.

POLA VISIBILIZACIÓN DO IMPORTANTE!!!

domingo, 1 de marzo de 2015

ETERNA ROSALÍA

Como xa anunciei no día da nosa poetisa por excelencia, celebramos o seu aniversario por todo o alto. Traballamos arreo durante unha semana para facer un mini proxecto colaborativo cos  Picariños da profe Vane.
Comezamos na clase de 4º estudando a biografía da autora e creando, en conxunto, unha poesía sobre sobre a mesma . Mentres nós  escribiamos e gravabamos as voces, en Infantil,producíase unha "eclosión creativa" sen precedentes e que deixou a máis dunha  ( por exemplo, unha servidora) gratamente sorprendida.Coas marabillosas ilustracións dos peques e coa nosa humilde poesía, fixemos un libro biográfico en verso.
Aquí o deixo en forma de presentación , con imaxes e voces, envolto polo tema "Tick Tock (intrumental version) de Josh Woodward.
Grazas, profe Vane, por esta presentación tan coidada e exquisita.
Se premedes aquí, poderedes ver a homenaxe que lle fixemos o ano pasado a Rosalía. Non se trata de comparar senon de sumar.