jueves, 28 de febrero de 2019

RAREZAS.

Imaxe obtida na rede
Doce anos demandando atención sobre as enfermidades raras. Pero ... que son? 
Estamos acostumados a escoitar nomes de doenzas que padecemos de maneira habitual e, incluso algunhas que son crónicas(non das de escribir, eh?). Considéranse enfermidades raras aquelas que son pouco frecuentes e que afectan a un número limitado da poboación total, definido en Europa como menos de 1 por cada 2.000 cidadáns.(Según a Federación Española de Enfermidades Raras). O grave problema  é que existen unha cantidade enorme  de doenzas deste tipo, todas diferentes entre si, e moi pouca investigación ao respecto. Temos que visibilizalas!!! Quen sabe se algún día , sairá da miña aula un investigador ou investigadora que dea coa cura dalgunha delas? Ogallá o vexan os meus ollos!!!
Se queredes máis información, nesta páxina de pediatría podedes atopala. Premede na imaxe.
Mentres tanto , déixovos o vídeo da campaña deste ano.

Obtido no canal de Youtube de rarediseaseday
RECORDA: RARA É A ENFERMIDADE, NON A PERSOA.
FELIZ DÍA!

martes, 26 de febrero de 2019

CELEBRANDO A ROSALÍA.

Portada do libro "Rosalía" de Luisa Carnés.
Pois chegou o día no que puidemos celebrar a nosa poetisa máis universal, a que nos inspira profudamente e nos guía dentro do ámbito das nosas letras: Rosalía de Castro.
Xa vos comentei que tivemos unha semana moi atarefada na biblioteca: o luns, escoitamos o recitado, polos alumnos /as de 5º e 6º, de "Adios ríos, adios fontes"; o martes e o mércores, fomos por turnos a pintar uns retratos da autora para  elaborar un cartel e xoves e venres, fomos a escribir poesías de Rosalía para encher un bote con parte do seu legado.
Na clase realizamos uns preciosos marcapáxinas que elaborou a profe Eva de 1º. Xa eran moi chulos e nós démoslle cor. A ver que vos parecen!!
Pero a verdadeira festa vivímola nas aulas preparando o recitado de "Del mar azul las transparentes olas", poema pertencente a "En las orillas del Sar" (1884).Este ano escollimos, a profe Vane e máis eu, unha poesía en castelán porque era o que mellor nos acaía dentro do noso proxecto do mar. Aínda así ,non puidemos renunciar a que o galego estivese presente e copiamos un fragmento de "Cantares Gallegos", que tamén menciona o mar.
Volvemos a liarnos a manta á cabeza e pedímoslles ás familias vídeos con imaxes mariñas. Obtivemos , coma sempre, unha estupenda resposta por parte de todos/as e ,coas imaxes e gravacións dos nenos/as, saiu esta fantástica montaxe.

Montaxe realizada pola profe Vane.
E para celebrar o día, enchemos as nosas botellas (as que podería arrolar o mar) con area, cunchas, moedas de ouro e a poesía da autora. Un fermoso tesouro que agochaba a Esencia de Rosalía.
Montaxes realizadas con Pizap.
Solo podo rematar esta entrada dicindo : LONGA VIDA A ROSALÍA e GRAZAS a todos os participantes!!

domingo, 24 de febrero de 2019

DA LINGUA MATER Á ROSA INSIGNE.

Retrato de Mónica Jiménez
Con so dous días de diferenza celebramos o Día Intenacional da Lingua Materna e a data de nacemento da nai do Rexurdimento Galego. Curioso, non si?
Volve Rosalía ás nosas aula, onde sempre está presente, para unirnos nun ilusionante proxecto común. Recorre os nosos corredores para visitar a biblioteca e agasallarnos con recitados e plasticidade.
Como este ano o 24 de febreiro coincide en domingo traballamos toda a semana pero o colofón final será o luns 25 (cando xa teremos que recibir o Entroido. Isto é un non parar!).
Para festexar este día, e non adiantar as sorpresas que temos para mañá, quero facerme eco da iniciativa deste ano do Concello da A Estrada. Xa gozamos na pasada edición dun expléndido traballo de recitado da autora polo mundo adiante e nesta ocasión sorpréndennos  cunha marabillosa versión do "Stand by me" de Ben E. King. Nela colaboran  estupendos artistas estradenses, algún dos cales temos o pracer de coñecer : profes do instituto en Forcarei, papás de alumnas do cole.... Canta arte nos rodea!
Gozade desta homenaxe, merecida e inmensa, coa que os estradenses (nos que me inclúo), queren honrar a Rosalía.
Obtido no canal de Youtube de  Concello da Estrada.
ROSALÍA; ESTÁS EN MIN!!!
Entradas de anos anteriores, aquí.

sábado, 23 de febrero de 2019

ECOS PASADOS.

Montaxe do Día da Paz dos alumnos/as de Infantil
Cando publiquei a entrada do Día da Paz comenteivos que tiña unha pequena sorpresa; lembrádelo?
Pois ben, procuro cumprir sempre o que prometo (aínda que sexa tarde). Aí vos vai!
Unhas crónicas dese día e da reapertura da biblioteca!!! Bueeeeno, vaaaale, esa non é a sorpresa. Poñovola a continuación.
Unha das cousas que fixemos para celebrar o Día da Paz foi aprender unha poesía para recitala. Titúlase "Mensajero de la Paz" e foi escrita por Melba N. Fernández. Escollina porque fala da Paz e do mar. Un grupo de voluntarios de clase quixo recitala para todos vós. Que vos guste moito!!!
Obtido no canal de Youtube de Anabel García




jueves, 21 de febrero de 2019

A MIÑA LINGUA MATERNA É...

Imaxe da Corporación Radio e Televisión de Galicia
Antes de festexar á nosa Rosalía, celebramos o Día Internacional da Lingua Materna. O 21 de febreiro, queremos ensalzar a nosa lingua; aquela que aprendemos primeiro, na que xogamos e rimos, pero tamén choramos e sentimos, na que aprendemos na escola e moceamos nas festas, na que murmuramos cos avós e berramos ás inxustizas. A lingua que cala, que  flúe, que chouta, aquela que resiste e vence. Temos a sorte de ter dúas linguas cooficiais; non perdamos as raíces, nin desprecemos o lonxano; enriquezámonos co cultivo de ambas.
Tedes máis información sobre este tema na Galipedia. Premede sobre a imaxe para acceder.
A Cátedra UNESCO de Patrimonio Lingüístico Mundial(MHOUK) da Universidade do País Vasco (UPV/EHU), co apoio da Fundación AZCUE, creou unha animación dixital para este día e conmemorar así, que o ano 2019 é o Ano Internacional das Linguas Indíxenas. Esta é a súa versión en galego.
Obtido no canal de Youtube  Munduku Hizkuntza Ondarearen UNESCO Katedra
Non esquezades visitar as entradas de anos anteriores aquí.
FELIZ DÍA!!!

miércoles, 20 de febrero de 2019

XUSTIZA SOCIAL.

Imaxe obtida na páxina nosoyasistenta.com
O 20 de febreiro reivindicamos o Día Mundial da Xustiza Social; e poño que reivindicamos porque , desgraciadamente, é algo que non existe. Esta data busca apoiar á comunidade internacional que pretende a erradicación da pobreza, o emprego pleno e decente, a igualdade de sexos e o acceso ao benestar e xustiza social de todos/as. Teredes máis información premendo na imaxe.
Aquí vos deixo un vídeo que reflexa a importancia de  ensinar xustiza social.
Obtido no canal de Youtube de Paola Gualy
SE QUERES PAZ E DESENVOLVEMENTO; TRABALLA POLA XUSTIZA SOCIAL.
Imaxe atopada na rede
FELIZ DÍA!!!

lunes, 18 de febrero de 2019

ABRIMOS AS PORTAS.

Rincón da nosa biblio.
Rematando xaneiro abrimos de novo as portas da nosa biblioteca escolar. Botabámola moitísimo de menos pero, como se tiveron que acometer algunhas reformas, houbo que ter paciencia. Creo que a espera mereceu a pena. A biblio non só estaba preciosa senón que albergaba uns personaxes ben coñecidos por nós: Carlos, Loli e Tatá Bolechas. Agasalláronnos cunhas  super piruletas de cores, que despois nos quixeron comer.  Foi xenial falar con eles!!
Pero non todo remataba aí! No salón de actos e, acompañados/as polos nosos compañeiros/as do cole de Soutelo, poidemos gozar do espectáculo dos Bolechas, Terrícolas, igualiños, igualiñasEsta actividade da Rede de Dinamización Lingüística,  posta en marcha coa colaboración da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, xira arredor dos valores que promove a Constitución Española.  Foi unha mañá estupenda!!!
GRACIÑAS CHIC@S!!!
Montaxes realizadas con PiZap.

viernes, 15 de febrero de 2019

NA LOITA.

Imaxe atopada na páxina da Fundación POHEMA.
O mes de febreiro é un mes especialmente sensibilizado cunha das enfermidades máis extendidas da nosa época . O día 4 é o Día Mundial contra o Cancro e o 15, o Día Mundial do Cancro Infantil. Como é un mal que existe e nos rodea, debemos ser conscientes del. Se nos toca de cerca, para loitar e combater, e,  se non nos toca, para agradecer e axudar. Pero non hai que ser derrotista, hai que aprender a enfrontar.Por iso vos comparto esta marabillosa curta sobre o Hospital Barretos do Brasil, que nos deixa unha fermosa mensaxe: O AMOR É MAIOR QUE O MEDO.

Obtido no canal de Youtube  do Hospital de Amor
SEMPRE LOITANDO!!!

miércoles, 13 de febrero de 2019

DÍA MUNDIAL DA RADIO.

Imaxe atopada en Pixabay.com
Hoxe é o Día Mundial da Radio, celebración instaurada alá por novembro de 2011.
"Neste día mundial da Radio, recoñezamos o seu poder para promover o diálogo, a tolerancia e a paz."(Antonio Guterres, Secretario Xeral das Nacións Unidas).
Un medio de comunicación  con tanto recorrido e tanta difusión, non podía deixar de ser vehículo  para o achegamento e a concordia. Se queredes máis información sobre este tema, premede na imaxe.
En OK Diario cóntannos a orixe desta data.
Queredes saber quen inventou a radio? Déixovos un enlace á páxina de La información.com que ten un vídeo moi curtiño que pretende aclaralo.
Para que o celebredes ben, aquí tendes  o acceso a Babyradio. Seguro que atopades cousas do voso agrado.
FELIZ DÍA!!

lunes, 11 de febrero de 2019

CIENCIA: COUSA DE MULLERES.

Imaxe atopada na rede
Por terceiro ano consecutivo realízase a Iniciativa  do 11 de febreiro , que é o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, e que pretende sacar á luz as científicas e fomentar vocacións. Para obter máis información sobre o tema , clicade na imaxe.
Este é o vídeo da Iniciativa.

Obtido no canal de Youtube  Iniciativa 11 de febrero
No Diario de Pontevedra de onte aparece unha actividade que se levará a cabo hoxe  e que ten que ver con cinco científicas galegas. Informádevos  premendo no logotipo do xornal.
No diario Praza Pública, aparecen unha ducia de mulleres científicas galegas.
No blogue de Sandra Ferrer Valero, Mujeres en la historia,  hai unha compilación de mulleres relacionadas coa ciencia.
Tamén vos deixo o enlace a entradas anteriores, por se vos interesa. Pinchade aquí.
FELIZ DÍA!!

viernes, 8 de febrero de 2019

CELEBRACIÓN DA PAZ.

O  30 de xaneiro celebramos o Día Escolar da Paz e a Non Violencia no noso centro. Xa na véspera  tiveramos unhas lecturas moi amenas realizadas polo alumnado de 3º e 5º.
Tamén en días anteriores, fixeramos decoracións de aulas e espazos comúns. Todo relacionado coa paz e o mar, o noso proxecto. Ollade que ben traballaron os nosos compis!Barcos, submarinos, mandalas...que máis se pode pedir?
Comezamos o acto escoitando un manifesto dos alumnos/as de 5º e 6º. A continuación, os peques de Infantil ensináronnos unha frase da nai Teresa de Calcuta.
Por último, cantamos todos/as a canción de Macaco"Mensajes del agua".Sei que nos gravaron na actuación pero o que non sei é se o vídeo está editado. Por iso , déixovos a canción orixinal.
Obtido no canal de Youtube Macaco Catálogo
Noutra entrada ensínovos algo que fixemos na clase.

martes, 5 de febrero de 2019

CONTAMOS.

Xa vos comentei que tanto da charla sobre o concurso de Pilabot como da saída ao Museo do Mar de Galicia fixeramos unhas redaccións contandoo todo, todo. Aquí está o resultado final. Non vos perdades detalle!!

sábado, 2 de febrero de 2019

PROXECTO :MERGULLÁNDONOS NA BIBLIOTECA. 20.000 LEGUAS DE VIAXE SUBMARINA. (II).

Imaxe atopada en Pixabay.com
A semana pasada, e dentro das actividades programadas para o noso proxecto de 20.000 leguas de viaxe submarina, visitamos o Museo do Mar de Galicia. Fomos en autobús cos nosos compis de Infantil e de 1º nivel, e aínda que viaxar nos entusiasma, Vigo (a algúns) fíxoselles un pouquiño lonxe.
Nada máis chegar xa merendamos porque somos de bo dente e había que aguantar a mañá.
A continuación visitamos o acuario e gustounos un montón.
Despois participamos nun obradoiro sobre os faros e fixemos un. Quedaron moi chusquiños!
Por último, unha chica moi simpática contounos unha morea de cousas sobre os faros e ensinounos partes dos mesmos que teñen no museo.
Montaxes realizadas con Pizap
Tivemos a gran sorte de ver como entraba un barco no porto cerca do faro verde. Para saír deben facelo preto do faro vermello. Foi moi interesante!
Obtido no canal de Youtube de Anabel García
Voltamos ao cole e xa comemos alí. E, coma sempre, houbo que facer unha crónica da saída. Noutra entrada, ensinámolas.
Grazas á profe Vane e ao profe Julio polas fotos; quedaron xeniais!
Podedes consultar a páxina do museo para que vexades o interesante que é.