Amosando publicacións coa etiqueta Proxecto: 20.000 leguas de viaxe submarina. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Proxecto: 20.000 leguas de viaxe submarina. Amosar todas as publicacións

mércores, 24 de xullo de 2019

PROXECTO :MERGULLÁNDONOS NA BIBLIOTECA. 20.000 LEGUAS DE VIAXE SUBMARINA (XI).

Imaxe obtida en Pixabay.com
Chegamos ao final da nosa intensa travesía e arribamos a porto. Non imos dicir que foi fácil, pero xa estamos na casa. Preparado todo o material, solo había que colocalo no lugar escollido para exposición.(Menos mal que había quen o tiña moi claro!).
Xunto co CEIP Soutelo de Montes comezamos esta singradura e  xunto con eles recalamos nunha exposición conxunta, que foi inaugurada día 12 de xuño. Ese día foi moi especial porque nos visitaron os compañeiros/as de Soutelo e, xuntos, puidemos gozar dos nosos traballos.
Tras unha benvida no salón de actos, dividímonos en grupos  para pasar polos diferentes espazos e obradoiros organizados. Primeiro, aprendemos moito sobre a flotabilidade dos corpos e o principio de Arquímedes; a continuación, escoitamos es explicacións da teacher na exposición; logo vimos uns vídeos sobre os océanos dos alumnos/as de 6º e, por último, fixemos un marcapáxinas de recordo.
Montaxe realizada con Pizap
Para admirar o resultado de tanto traballo podedes visitar a WIX, deseñada pola nosa teacher María e a profe Rosa Ares de Soutelo. Fixeron unha páxina impresionante!!! Graciñas por compartila con todos/as nós. 
No apartado de A música e os sons do mar aparece o realizado pola nosa aula: os murais coas fichas informativas,o libro da poesía, as obras de arte, as fichas de clase... Tamén andamos polas  Actividades complementarias, nas Saídas, nas fichas de pescuda de información... En fin, que vos recomendo un pouco de tempo para poder apreciar  todo o conxunto. Merece moito a pena!!!
Non quero rematar esta entrada sen compartirvos un par de cousiñas. Recordades que falamos do Órgano do mar de Croacia? Déixovos un vídeo para que o vexades e escoitedes. Na páxina de Youtube tendes máis información.
Obtido no canal de Youtube de E3 Proyectos
Na explicación da exposición a teacher falounos das auroras boreais. Aquí vos deixo unhas preciosas imaxes dunha aurora boreal en Noruega. Gozádea!!!
Obtido no canal de Youtube de Alfa y Omega Perú
GRAZAS A TODOS/AS OS COLABORORES NESTE FANTÁSTICO PROXECTO!!!

martes, 23 de xullo de 2019

PROXECTO :MERGULLÁNDONOS NA BIBLIOTECA. 20.000 LEGUAS DE VIAXE SUBMARINA (X).

Imaxe obtida en Pixabay.com
Estades intrigados/as co noso mural? Pois aquí volo contamos.
Xa tiñamos a base e tocaba debuxar aquelo que producise sons. Fixemos unha lista e debuxos de todo en folio branco con rotus negros.
Probamos os debuxos en branco e negro, coloreámolos con rotulador, fixémolos en Goma Eva.... unha chea de intentos para ver cal nos gustaba máis.
Combinamos ideas,escoitamos propostas e fomos compoñendo entre todos/as o panel final.
Este foi o resultado.
Montaxes realizadas con Pizap
Estádesvos preguntando que son eses botóns amarelos e eses números que aparecen na composición, non si? Pois como falamos de sons, gravamos algúns deles nuns pulsadores que pediu a profe Vane por Internet. Quedaron xenial! Os números fan referencia á información que escribimos sobre cada elemento.
Como podedes observar faltan debuxos no mural que implican sons no mar. Tivemos que facer un panel alternativo. Cando vos fale da exposición poderedes velo  mellor.
Todos os profes nos deron ideas e opinións para axudarnos na creación do traballo pero, á profe Vane, rompémoslle moito a cabeza. Grazas profe Vane e grazas a todos/as!!!

sábado, 20 de xullo de 2019

PROXECTO :MERGULLÁNDONOS NA BIBLIOTECA. 20.000 LEGUAS DE VIAXE SUBMARINA (IX).

Imaxe obtida en Pixabay.com
Deixamos a parte artística a un lado para centrarnos na información que requeriamos para o noso proxecto. Seguindo a Rutina de Pensamento (Que sei?, Que quero saber? e Que aprendín?) comezamos un debate sobre o son, a música e o mar. Os resultados  quedaron plasmados na pizarra e tamén nas nosas fichas.
Para chegar a aprender algo novo había que buscar información sobre o que queriamos saber. Como o tema era moi amplo e interesante, parcelámolo en cuestións e cada un  centrouse nun aspecto diferente.(Por exemplo: escóitase o son baixo a auga?, que sons crea o mar?, crea o mar música?...)
Traballamos en aula o que querían saber individualmente do tema que lles tocara e buscaron información nas súas casas.
Unha vez filtrados os datos recollidos ( a profe terá que facer algo; non?) buscamos a maneira de plasmalos; xa que a idea final era unha exposición coxunta.
Teño que confesar que nos levou moitas voltas chegar ao noso mural. Cando o vexades , de seguro vos parecerá sinxelo, pero foi toda unha odisea.
Decidido o cartón pluma como soporte, forrouse con papel continuo e procedemos a elaborar o mar. Técnica de acuarela e esponxa.
Montaxe realizada con Pizap
Sodes capaces de imaxinar o resultado? Na próxima, ensínovos  a onde chegamos.

mércores, 17 de xullo de 2019

PROXECTO :MERGULLÁNDONOS NA BIBLIOTECA. 20.000 LEGUAS DE VIAXE SUBMARINA (VIII).

Imaxe atopada en Pixabay.com (Phuquoc-Vietnam)
Seguimos contando a nosa travesía polas procelosas augas dos océanos do mundo.Esta vez tocounos crear. Organizamos un obradoiro poético e inspirámonos na música que nos ofrecen as ondas do mar.
Co seu rumor de fondo, pechamos os ollos para deixar voar a imaxinación e ir apuntando todas as palabras que nos suxería o que escoitabamos. Este foi o xerme do poema Mar, do cal cada un inventou unha estrofa.
Imaxe realizada con PiZap
Pero non nos apetecía quedarnos aquí. Así que , coa axuda da profe Susana, ilustramos as nosas estrofas nunha cartolina con diferentes materiais que recollemos entre todos/as (teas, botóns, lazos, papeis....) e fixemos un libro. Este foi o resultado!!!

Calameo realizado pola teacher María.
GRAZAS, TEACHER MARIA E PROFE SUSANA , POLA VOSA AXUDA!!!

mércores, 10 de xullo de 2019

PROXECTO :MERGULLÁNDONOS NA BIBLIOTECA. 20.000 LEGUAS DE VIAXE SUBMARINA (VII).

Imaxe obtida en Pixabay.com
Recordades que vos dixen que fixeramos un mural conxunto coa clase de 1º ?  Pois utilizámolo para a Paz e para o Día do Libro. Baixo o título "Un océano de  Paz", todos os peixes  levaban uns bocadillos con palabras relacionadas co tema e co rótulo "Un océano de Libros", puxemos a ler aos habitantes mariños.
Así nos quedou!
Co gallo do Día do Libro tamén fixemos uns marcapáxinas ben chulos. Ollade!
Por estas datas, gozamos dunha exposición (colgada no salón de actos), que nos cedeu o Culturmar (Federación Galega pola  Cultura Marítima e Fluvial). Os paneis versaban sobre os oficios do mar e  as embarcacións tradicionais. Dende a biblioteca , creáronnos unha busca de información moi divertida por equipos. Aquí están as fotos de 2º.
Montaxes realizadas con PiZap

mércores, 3 de xullo de 2019

PROXECTO :MERGULLÁNDONOS NA BIBLIOTECA. 20.000 LEGUAS DE VIAXE SUBMARINA (VI).

Imaxe atopada en Pixabay.com
Hoxe contareivos como saíu a Bolsa Viaxeira da nosa aula (previo paso pola biblioteca) e que marabillas nos trouxo de volta.
Nunha bolsa negra de Bibliotecas Escolares aparecía un libro:"Julio y Verne descubren el fondo del mar", un listado de cancións, unha bolsiña de de gasa cun pen drive (contiña a música da lista) e unhas instrucións.  Xunto a todo anterior, unha táboa de madeira de marquetería do tamaño da bolsa.
Que habería que facer? Pois moi sinxelo. Tras ler o libro, que nos serviría de motivación e para dar ideas, habería que escoitar a canción escollida por cada un e plasmar sobre a táboa o que a música nos suxerise. Este foi o estupendo resultado!
Montaxes realizadas  con PiZap
(Os títulos non teñen comiñas o porque ma xogou o PiZap; vale?)
GRAZAS FAMILIAS, POLA VOSA IMPLICACIÓN!!!

martes, 25 de xuño de 2019

PROXECTO :MERGULLÁNDONOS NA BIBLIOTECA. 20.000 LEGUAS DE VIAXE SUBMARINA (V).

Imaxe obtida en Pixabay.com
Como xa ven sendo habitual nos nosos  proxectos, decidimos montar unha pequena exposición na aula sobre o tema que nos ocupa. Todos/as colaboramos traendo obxectos e libros da casa. Este foi o resultado.
Cando celebramos o Día da Paz, a profe Eva debuxou un estupendo mural do fondo mariño e propúxonos compartilo as dúas clases (1º e 2º). Como o transformamos para o Día do Libro, ensinaréivolo cando falemos do tema.
No mes de marzo traballamos a prensa e decidimos relacionala co  Día da Muller. Escollemos tres mulleres pioneiras no mundo do mar (Isabel Barreto: primeira muller almirante, Ángeles Alvariño: primeira científica nun buque oceanográfico británico e Cristina Fernández: unha das primeiras fareiras de España). Buscaron os datos relevantes da súa biografía e, por grupos, inventaron unha noticia sobre unha delas. Mirade que grupos nos sairon!
Montaxes realizadas con PiZap
(Como tiven un problemiña co ordenador perdín algunhas fotos, por iso non aparece todo o que me gustaría).

luns, 13 de maio de 2019

PROXECTO :MERGULLÁNDONOS NA BIBLIOTECA. 20.000 LEGUAS DE VIAXE SUBMARINA. (IV)

Imaxe de Julio Verne obtida en eraseunavezqueseera.com
Quedaramos falando do señor Verne, non si? Pois para recordar a súa vida, ollade este vídeo.
Obtida no canal de Youtube de Educatina
O primeiro que fixemos foi averiguar que era unha biografía e en que consistía. Despois fomos á biblioteca e formamos tres grupos. Cada  un comezou  a traballar sobre un texto biográfico distinto de Verne (tratábase de buscar os datos máis relevantes da súa vida e obra). Unha vez localizada a información, fixemos unha posta en común para decidir o que ía formar parte da nosa biografía e ordenámola cronolóxicamte.
Por último, pasamos a nosa biografía  na plantilla do proxecto.
Montaxes realizadas con PiZap

mércores, 10 de abril de 2019

PROXECTO :MERGULLÁNDONOS NA BIBLIOTECA. 20.000 LEGUAS DE VIAXE SUBMARINA. (III)

 Caricatura de Julio Verne por Bodard.
Despois do visionado da película "20.000 leguas de viaxe submarina" decidimos ler unha adaptación sobre a obra da editorial Baía Edicións. Gustounos moito , sobre todo, ir anticipando o que ía pasar no relato.
Pensamos que estaría ben coñecer ao autor desta historia e comezamos polo seu aspecto físico. Vimos unhas imaxes e despois realizamos un retrato do mesmo ,baseándonos no debuxo de Mili Koey. Estes son algúns exemplos:
Montaxe realizada con PiZap
Tamén nos interesamos pola súa biografía. Déixovos  a súa vida nun minuto e na próxima entrada cóntovos como fixemos as nosas.
Obtido no canal de Youtube de pathbooks

sábado, 2 de febreiro de 2019

PROXECTO :MERGULLÁNDONOS NA BIBLIOTECA. 20.000 LEGUAS DE VIAXE SUBMARINA. (II).

Imaxe atopada en Pixabay.com
A semana pasada, e dentro das actividades programadas para o noso proxecto de 20.000 leguas de viaxe submarina, visitamos o Museo do Mar de Galicia. Fomos en autobús cos nosos compis de Infantil e de 1º nivel, e aínda que viaxar nos entusiasma, Vigo (a algúns) fíxoselles un pouquiño lonxe.
Nada máis chegar xa merendamos porque somos de bo dente e había que aguantar a mañá.
A continuación visitamos o acuario e gustounos un montón.
Despois participamos nun obradoiro sobre os faros e fixemos un. Quedaron moi chusquiños!
Por último, unha chica moi simpática contounos unha morea de cousas sobre os faros e ensinounos partes dos mesmos que teñen no museo.
Montaxes realizadas con Pizap
Tivemos a gran sorte de ver como entraba un barco no porto cerca do faro verde. Para saír deben facelo preto do faro vermello. Foi moi interesante!
Obtido no canal de Youtube de Anabel García
Voltamos ao cole e xa comemos alí. E, coma sempre, houbo que facer unha crónica da saída. Noutra entrada, ensinámolas.
Grazas á profe Vane e ao profe Julio polas fotos; quedaron xeniais!
Podedes consultar a páxina do museo para que vexades o interesante que é.

domingo, 27 de xaneiro de 2019

PROXECTO :MERGULLÁNDONOS NA BIBLIOTECA. 20.000 LEGUAS DE VIAXE SUBMARINA .

Imaxe obtida en Pixabay.com
Despois dunhas cuantas voltas, de marexadas e inmersións ,parece que o noso Proxecto Documental Integrado emerxe á superficie e ven para quedarse. Baseado na novela de Jules Verne, "20.000 leguas de viaxe submarina",  pretende facerse extensible ao mar; tratando, cada un dos niveis, unha temática diferente.
Na clase de 2º comezamos  tomando contacto co tema, visionando  unha película de debuxos animados.
Aquí vos deixo a película por se queredes vela outra vez.
Obtida no canal de Youtube Cuentos Clásicos.
Temén lles fixen un material para completar o argumento da mesma e facer un debuxo; ese compartireino ao final do proxecto.
ZARPAMOS SEN RUMBO FIXO,  QUE NOS DEPARARÁ A VIAXE?