miércoles, 29 de mayo de 2019

QUE PASA COS PUNTOS?

Alguén se lembra dos nosos famosos puntos? Xa tivemos dúas remesas coas súas correspondentes recompensas. Podedes recordalo aquí. Como podedes comprobar, todos/as os superaron. Por iso houbo que crear novos retos. Co terceiro, conseguíase o carné da clase e co cuarto, decidir  a que se quere xogar cando se remata o traballo (sen sacar unha tarxeta do bote "Traballo rematado, agora que fago?"). 
A foto xa non é moi actual (hai nenos/as no cuarto reto) pero vale para facerse unha idea.
Para realizar os carnés, primeiro tivemos que buscarlle un nome á clase. Fixémolo por votación e gañou : Os currantes de 2º.
Montaxe realizada con PiZap.
A ver que pasa ata o final do curso.

lunes, 27 de mayo de 2019

CELEBRANDO AS LETRAS.

Imaxe atopada na rede
Con tanta celebración case non hai tempo para contar como celebramos as cousas realmente.Por iso hoxe, tócalle o turno ao festexo das nosas Letras.
Comezamos visitando a biblioteca escolar, por quendas, para ir realizando un estupendo lapiceiro conmemorativo. Grazas á profe María José e a profe Susana elaboramos a manualidade en cartolina. Ollade como traballamos!
Unha  vez feita a base, que era o máis difícil, démoslle os últimos toques na aula: escribimos a data e o nome do autor nun libriño, pegamos a súa fotografía e decorámolo con estrelas.  Tamén fixemos unhas fichas adaptadas do material do Seminario Galán  e  da Primavera das Letras, sobre a biografía e a obra do autor e sobre a cantiga de "O casamento da pulga e a mosca".(Ensínovolas noutra entrada).
Este foi o resultado!!!
E o día xuntámonos todos/as no salón de actos para ver e escoitar unha presentación magnífica realizada polo nenos/as de 6º de primaria sobre autor. Tamén nos leron un texto escrito por el que nos gustou moito e rematamos cantando"O casamento da pulga e a mosca" que ensaiamos co profe Toño. Pero non foi unha interpretación calquera , xa que contamos cunhas pandereteiras moi especiais. Aquí están!!
Ese mércores  marchamos para a casa así de contentos/as. (Todos menos Diego, que como estivo enfermo non puido facer o lapiceiro. Pero todo se andará).
Montaxes realizadas con Pizap.

viernes, 24 de mayo de 2019

DÍA EUROPEO DOS PARQUES NATURAIS.

Imaxe atopada en Pixabay
O 24 de maio, ademáis de ser o Día Nacional da  Epilepsia e o Día Internacional das Mulleres pola Paz e o Desarme, celebramos o Día Europeo dos Parques Naturais. Imos centrarnos nesta data que se ven celebrando  dende  o ano 1999. No Portal informativo de Campo de Criptana aparecen máis datos.
E agora gustaríame compartirvos unha experiencia que estivemos realizando ao longo do curso. Alá polo 5 de decembro, despois de traer á clase froitos, follas e cousas relacionadas co outono, pasoúseme pola cabeza a brillante idea de plantar un carballo. Pero non como os garavanzos, as fabas e  as lentellas que as plantamos entre todos (1º en algodón e despois en terra). Noooon! Cada un  o seu e con visión de futuro.
Pedínlles aos nenos/as máis landras, pedín no comedor botellas para cortar e na casa axuda para furar e encher as nosas macetas. E o día 5 , estaba todo preparado!!
A alguén lle soa "¡Ai, Manolete, se non sabes torear, p´a que te metes!" Pois esa son eu. A plantación fixémola sen problema pero... xerminarían?
Monaxe realizada con PiZap
Teredes que pasarvos para saber que pasou cos...... Carballos de 2º!!!

martes, 21 de mayo de 2019

DIVERSIDADE CULTURAL 2019.

Imaxe obtida en Pixabay.com
O 21 de maio tócalle o turno á Diversidade Cultural para o Diálogo e o Desenvolvemento. Nas entradas doutros anos aparece a explicación  deste día. Clicade aquí para enterarvos.
Na páxina das Nacións Unidas fálanos da importancia da diversidade.
Tedes a información máis ampliada na páxina arxentina de AIM (Axencia de Información Mercosur)
Para rematar, ofrézovos a historia de Aisha, unha nena que cambia de país e ten medo de mostrarse  e como é. Que ocorrerá?
Obtido no canal de Youtube de Alex Soto
Cando aprendamos a respectar ao diferente, seremos conscientes da riqueza que supón esa diferenza e poderemos pedir o mesmo trato cara o que somos nós.
FELIZ DÍA!!!

lunes, 20 de mayo de 2019

DÍA DAS ABELLAS.

Imaxe obtida na páxina de GREEPEACE
No ano 2017, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou o 20 de maio, como Día Mundial das Abellas. Grazas á petición da República de Eslovenia e co apoio da Federación Internacional de Asociacións de Apicultores (Apimondia) e da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e  a Agricultura), conseguiron as abellas unha data no calendario. Pero.... por que? Porque estes pequenos insectos polinizadores, xunto con outros animais como as bolboretas, os morcegos e os colibrís, son fundamentais para a nosa alimentación e cada vez están máis ameazadas.
Na páxina das Nacións Unidas tedes información sobre o tema. Clicade para acceder.
Na páxina de GRENPEACE podedes seguir informádovos.
Déixovos un vídeo sobre a polinización.
Obtido no canal de Youtube de Story Music
E para rematar non puiden resistir a tentación de poñervos  o primeiro capítulo de "La abeja Maya". Xa sei que que a serie se modernizou pero... a min gústame esta! A ver que vos parece!
Obtido no canal de Youtube de La abeja Maya clásica
FELIZ DÍA!!!

sábado, 18 de mayo de 2019

SEGUIMOS CELEBRANDO!

Imaxe obtida en Pixabay.com
Onte foi un día de moita festa e que me gusta dedicar ás nosas Letras en exclusiva, para que sexan protagonistas. Pero había outras dúas celebracións que coincidían:
-Día Mundial de Internet. Esta data aínda está en vixencia , xa que se celebra ata o domingo a semana de Internet. Se queredes saber a orixe e por que da data , premede no logo de OK diario.
Tamén vos deixo unha infografía que vin no blogue da nosa amiga Blanca B,Actividades para Educación Infantil, sobre canales educativos en Youtube.
Infografía obtida en KZgunea
-Día Mundial da Reciclaxe. O 17 de maio  toca reciclar ( como todos os días, eh?). Déixovos información sobre a xornada dende a páxina de LOQUELEO Santillana con estupendos consellos e iniciativas.
- Día Internacional do Museos. Esta data conmemórase todos os 18 de maio e concienciar sobre o feito de que os museos son un importante medio de intercambio cultural, de enriquecemento das culturas, así como para o desenvolvemento da comprensión mutua, da colaboración e da paz entre os pobos. (Fonte : ICOM).
Compártovos actividades para esta xornada nos museos de Galicia e 
doutros puntos de España.
 Se non tendes plan.... xa sabedes!!!
Non vos esquezades das entradas de anos anteriores; consultádeas aquí.
FELIZ DÍA!!!

viernes, 17 de mayo de 2019

O NOSO.

Viñeta de DAVILA
E chegou o noso Día, o Día do noso. Creo que Luis Davila está moi acertado na súa viñeta de hoxe, ao reflectir a grandísima sorte que temos  de poder calmar a nosa sede de cultura e de saber, bebendo das múltiples fontes que nos rodean. Asemade, somos uns privilexiados ao contar cunha fonte propia. Unha fonte que refresca, que calma a sede e conforta pero, que non se instala no exclusivo; que gosta de compartir, de axudar e enriquecer. 
Non deixemos que seque a fonte. Non atranca; engrandece!!
Recordamos ao persoeiro ao que hoxe se lle dedican as Letras, Antón Fraguas.
Imaxe obtida na rede
Xa sabedes que non hai celebración sen música. Quero  compartirvos unha peza do último traballo do grupo Evoéh. Ariana e Jesús (voz e guitarra) son dous estupendos artistas,  que non son galegos pero que neste disco, puxeron en valor a nosa lingua. A ver se vos gusta!
Obtido no canal de Youtube de Evoéh
FELICES LETRAS!!!

miércoles, 15 de mayo de 2019

FAMILIA.

Distintas familias creadas por Playmobil
Desde ano 1994, o 15 de maio, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas celebra o Día Internacional da Familia. Todos temos unha familia: na que aterramos sen pedilo, a que escollemos, a que nos brindan as circunstancias, a que nos falta porque non podemos ver, a que nos sobra... Sempre hai alguén ao que chamar  familia!
A páxina de LOQUELEO de Santillana ofrécenos unhas interesantes revistas para gozar en familia.
Ollade a entrada do ano pasado, aquí.
Estimados papás e mamás, se queredes propiciar unha charla cos vosos fillos/as sobre os diferentes tipos de famias, aquí vos deixo este interesante vídeo que vos pode axudar.
Obtido no canal de Youtube de Sofía Ferradá
FELIZ DÍA!!!

lunes, 13 de mayo de 2019

BICOS.

labios brillantes - GIFMANIA
Gif de www.gifsanimado.com
Hoxe, 13 de maio, é o Día do Neno Hospitalizado. Aínda que é unha iniciativa recente, é bastante necesaria, xa que moitos están pasando por isto e pódenos tocar a calquera. Por iso, miles de bicos para todos e todas  os loitadores dos hospitais.
labios besando - GIFMANIA
Consultade as entradas de anos anteriores, premendo na imaxe inferior.
FELIZ DÍA!!!!

PROXECTO :MERGULLÁNDONOS NA BIBLIOTECA. 20.000 LEGUAS DE VIAXE SUBMARINA. (IV)

Imaxe de Julio Verne obtida en eraseunavezqueseera.com
Quedaramos falando do señor Verne, non si? Pois para recordar a súa vida, ollade este vídeo.
Obtida no canal de Youtube de Educatina
O primeiro que fixemos foi averiguar que era unha biografía e en que consistía. Despois fomos á biblioteca e formamos tres grupos. Cada  un comezou  a traballar sobre un texto biográfico distinto de Verne (tratábase de buscar os datos máis relevantes da súa vida e obra). Unha vez localizada a información, fixemos unha posta en común para decidir o que ía formar parte da nosa biografía e ordenámola cronolóxicamte.
Por último, pasamos a nosa biografía  na plantilla do proxecto.
Montaxes realizadas con PiZap

sábado, 11 de mayo de 2019

MÚSICA E LETRAS:

Foto dos melómanos/as (Fonte: Faro de Vigo)
Ven de celebrarse a 6ª edición dos Premios Martín Codax da Música. Entregáronse nunha gala no Pazo de Cultura de Pontevedra o pasado mércores, día 8 de maio. Baixo a dirección artística  do actor e director teatral Quico Cadaval, foi presentada polo dúo humorístico e poético, Aladaolado. Estes Premios, que promove  a Asociación Músicas ao Vivo, buscan visibilizar e recoñecer a diversidade e a calidade artística que temos no sector musical galego. Nesta edición foi galardoado, na sección de Metal,o grupo estradense, NAO. Non podía deixar pasar a ocasión sen facer mención deste feito pola vinculación ao grupo en varios aspectos (un deles é que son mestra dunha  "herdeira NAO").
Non eran novatos no tema, foi como pouco, a súa terceira nominación e o seu segundo Martín Codax. Parabéns Jasper, Gus, Torroncho e  Amós!!!(Facemos unha felicitación especial a Gustavo Brea, porque as túas fillas séntense profundamente orgullosas de ti e as súas mestras argallarán algo ao respecto).
Déixovos todos os datos dos premiados/as na imaxe. Se premedes sobre ela accederedes a  información detallada dos grupos en cuestión.
Gustaríame mencionar tamén ao  Galardón de honra, que este ano recaeu no saxofonista vallisoletano (afincado en A Estrada), Carlos Barruso. (Outra debilidade, como o temos adoptado...). Os premios e as homenaxes deben facerse para que os artistas gocen do cariño do público. Parabéns, Carlos!!
Carlos Barruso recibindo o Premio de Honra de G Santos (Fonte: Faro de Vigo)
Para rematar, o mellor é escoitar aos protagonistas. Escollín unha peza do seu último traballo "Ata que o lume se apague", no que xuntan  a súa arte coa de Tanxugueiras (tamén recoñecidas na categoría de Música Tradicional) e os SonDaRúa. Aquí vos deixo "Cultura crítica".
Obtido no canal de Youtube  de NAO Galiza
PARABÉNS AOS PREMIADOS/AS,PARABÉNS AOS FINALISTAS E A TODOS AQUELES QUE  TRBALLAN POLA NOSA CULTURA, QUE NON CALE A VOZ DO POBO!!!
Fotografía dos premiados de G Santos (Fonte: Faro de Vigo)
No mes das Letras e sempre, Lingua Galega e Música nas nosas aulas. Os beizos novos devolverán os azos á nosa cultura!!!

jueves, 9 de mayo de 2019

DÍA DE EUROPA 2019.

Imaxe atopada en Pixabay.com
Como cada 9 de maio celebramos o Día de Europa, e con el, a paz e a unidade do continente. Se clicades sobre a imaxe inferior, poderedes ver as actividades propostas polas institucións europeas para conmemorar esta data.
Este ano vese ensombrecida polo chamado Brexit que, aínda que se aprobou no 2016, non se fixo efectivo a día de hoxe e ten futuro incerto (xa que está prorrogado para o mes de outubro). Pero... que é iso do Brexit? Pois aparece moi ben  reflectido na imaxe da cabeceira, como un país que quere saír da comunidade e deixa un oco. Na páxina de Sapos e Princesas aparece explicado de forma sinxela.
E neste vídeo curtiño tamén nolo contan bastante entendible.
Imaxe atopada no canal de Youtube de  pedro angel cadena santiago
Podedes consultar as entradas de anos anteriores, aquí.
FELIZ DÍA!!!

martes, 7 de mayo de 2019

RECURSOS DAS LETRAS GALEGAS 2019.

Imaxe obtida no Portal da Lingua Galega.
Coma todos anos, cando comeza o mes de maio, vislumbramos flores e letras a esgalla. Rodéannos todo o ano pero fánnos vibrar máis intensamente neste mes. Esta vez o homenaxesado na data é o profesor e escritor (entre outras actividades) Antón Fraguas Fraguas, traballador incansable na difusión da nosa Lingua e Cultura populares.
Déixovos uns recursos  para traballar ao persoeiro:
- No Portal da Lingua Galega ofrécennos unha biografía e algunha cousiña máis.
- O noso sempre mencionado Seminario Galán, ten actividades para descargar e en liña.
-Na páxina,  A Primavera das Letras, os debuxos e fichas son moi chusquiños.
- O Portal Galego de Educación tamén aporta  a esta causa.
- Dende o OZOCOgz agasállannos cunhas carautas do autor Antón Fraguas. (Eu vinas no muro dos Mestres de Galicia en Facebook publicadas pola compañeira Muiñeira de Carrás. Graciñas!!)
  
- Nunca esquezades os recursos doutros anos, pode haber algo que vos interese.
FELICES LETRAS!!

domingo, 5 de mayo de 2019

MAMITA MIÑA!

Imaxe atopada en Pixabay.com
Chegou o primeiro domingo de maio e con el, a celebración do Día da Nai. Unha data moi axeitada porque ninguén merece máis unha homenaxe que unha nai. Polo seu amor, a súa entrega, a súa protección, o seu apoio, a súa dedicación.... Podería seguir infinitamente enumerando as calidades dunha nai pero, prefiro cedérlle o sitio á música para que exprese o que unha nai é capaz de facer por un fillo/a.
Obtido no canal de Youtube Various Artist- Topic
Gustaríame compartir con vós estupendas lecturas sobre mamás de conto que nos ofrece a Editorial Santillana. A ver se xa lestes algún!
Obtido no Facebook de Loqueleo Santillana
Pechamos a entrada con dúas cousiñas: unha definición de nai de MrWonderful e unha viñeta do xenial Luis Davila, que fai referencia á cantiga  de máis arriba.
(Suscribo as verbas)
FELIZ DÍA!!!!