martes, 23 de julio de 2019

PROXECTO :MERGULLÁNDONOS NA BIBLIOTECA. 20.000 LEGUAS DE VIAXE SUBMARINA (X).

Imaxe obtida en Pixabay.com
Estades intrigados/as co noso mural? Pois aquí volo contamos.
Xa tiñamos a base e tocaba debuxar aquelo que producise sons. Fixemos unha lista e debuxos de todo en folio branco con rotus negros.
Probamos os debuxos en branco e negro, coloreámolos con rotulador, fixémolos en Goma Eva.... unha chea de intentos para ver cal nos gustaba máis.
Combinamos ideas,escoitamos propostas e fomos compoñendo entre todos/as o panel final.
Este foi o resultado.
Montaxes realizadas con Pizap
Estádesvos preguntando que son eses botóns amarelos e eses números que aparecen na composición, non si? Pois como falamos de sons, gravamos algúns deles nuns pulsadores que pediu a profe Vane por Internet. Quedaron xenial! Os números fan referencia á información que escribimos sobre cada elemento.
Como podedes observar faltan debuxos no mural que implican sons no mar. Tivemos que facer un panel alternativo. Cando vos fale da exposición poderedes velo  mellor.
Todos os profes nos deron ideas e opinións para axudarnos na creación do traballo pero, á profe Vane, rompémoslle moito a cabeza. Grazas profe Vane e grazas a todos/as!!!

lunes, 22 de julio de 2019

CARTAS QUE VEÑEN E VAN (VII).

Imaxe atopada en Pixabay.com
Para culminar o noso querido proxecto, fxemos unha visita á Oficina de Correos cando realizamos a nosa saída por Forcarei. Se premedes sobre a imaxe , poderedes consultar dita visita.
Para que as nosas cartas non se perderan fixémoslle un libriño. Así traballamos.
Montaxe realizada con PiZap
Aprendemos que é unha carta e para que serve, describimos ao noso remitente, escribimos as partes dunha carta e os seus tipos e mandamos, desde Correos, unha carta sorpresa a un compañeiro/a. O resultado foi este.
Moitísimas grazas a todos/as os que fixestes posible este marabilloso proxecto: ás familias, aos remitentes e ao noso particular carteiro Pat (o profe Javi).

sábado, 20 de julio de 2019

PROXECTO :MERGULLÁNDONOS NA BIBLIOTECA. 20.000 LEGUAS DE VIAXE SUBMARINA (IX).

Imaxe obtida en Pixabay.com
Deixamos a parte artística a un lado para centrarnos na información que requeriamos para o noso proxecto. Seguindo a Rutina de Pensamento (Que sei?, Que quero saber? e Que aprendín?) comezamos un debate sobre o son, a música e o mar. Os resultados  quedaron plasmados na pizarra e tamén nas nosas fichas.
Para chegar a aprender algo novo había que buscar información sobre o que queriamos saber. Como o tema era moi amplo e interesante, parcelámolo en cuestións e cada un  centrouse nun aspecto diferente.(Por exemplo: escóitase o son baixo a auga?, que sons crea o mar?, crea o mar música?...)
Traballamos en aula o que querían saber individualmente do tema que lles tocara e buscaron información nas súas casas.
Unha vez filtrados os datos recollidos ( a profe terá que facer algo; non?) buscamos a maneira de plasmalos; xa que a idea final era unha exposición coxunta.
Teño que confesar que nos levou moitas voltas chegar ao noso mural. Cando o vexades , de seguro vos parecerá sinxelo, pero foi toda unha odisea.
Decidido o cartón pluma como soporte, forrouse con papel continuo e procedemos a elaborar o mar. Técnica de acuarela e esponxa.
Montaxe realizada con Pizap
Sodes capaces de imaxinar o resultado? Na próxima, ensínovos  a onde chegamos.

viernes, 19 de julio de 2019

FESTA DE FIN DE CURSO 2019.

Imaxe atopada en Pixabay.com
Das celebracións deste curso solo nos falta mencionar a festa  coa que rematamos este ano académico. Foi no pavillón, porque como ameazaba choiva,  mellor previr que lamentar.
O primeiro que fixemos foi recoller as últimas cousas que quedaban na aula. Entre elas, os traballos do 3º trimestre e algún de todo o curso.
Xa recollido, tocaba divertirse nas colchonetas, nos cars e nos obradoiros de abalorios e maquillaxe.
Tivemos que repoñer forzas despois de tanto troulear. A merendola estivo bárbara, pero tamén houbo tempo para facer  o monstro. (Si, é fin de curso!)
Seguimos de festa ata cerca da hora de ir para o comedor e pasamos pola aula para recoller un agasallos da profe.
Montaxes realizadas con PiZap.
MOITAS GRAZAS AO COLE E A AMPA POR ESTA FESTA TAN MOLONA!!!

jueves, 18 de julio de 2019

CARTAS QUE VEÑEN E VAN (VI).

Imaxe atopada en Pixabay.com
Xa nos queda pouco que contar sobre o noso experimento co correo pero aínda non rematamos de todo. Héctor foi o máis afortunado de todos nós porque chegou a ter unha terceira carta.
A última carta que recibimos foi para Aarón de parte da profe Estela. Traía unha sorpresa estupenda para a nosa clase. Moitas grazas, profe Estela!
Que libros tan marabillosos!!!
Montaxes realizadas con PiZap
Todos os días abriamos o buzón e a profe gravaba a reacción ao que houbera. Non había carta sempre. Ollade o que pasaba.

Vídeos obtidos no canal de Youtue de Anabel García
Noutra entrada, o final do proxecto.

miércoles, 17 de julio de 2019

PROXECTO :MERGULLÁNDONOS NA BIBLIOTECA. 20.000 LEGUAS DE VIAXE SUBMARINA (VIII).

Imaxe atopada en Pixabay.com (Phuquoc-Vietnam)
Seguimos contando a nosa travesía polas procelosas augas dos océanos do mundo.Esta vez tocounos crear. Organizamos un obradoiro poético e inspirámonos na música que nos ofrecen as ondas do mar.
Co seu rumor de fondo, pechamos os ollos para deixar voar a imaxinación e ir apuntando todas as palabras que nos suxería o que escoitabamos. Este foi o xerme do poema Mar, do cal cada un inventou unha estrofa.
Imaxe realizada con PiZap
Pero non nos apetecía quedarnos aquí. Así que , coa axuda da profe Susana, ilustramos as nosas estrofas nunha cartolina con diferentes materiais que recollemos entre todos/as (teas, botóns, lazos, papeis....) e fixemos un libro. Este foi o resultado!!!

Calameo realizado pola teacher María.
GRAZAS, TEACHER MARIA E PROFE SUSANA , POLA VOSA AXUDA!!!

martes, 16 de julio de 2019

CARTAS QUE VEÑEN E VAN (V)

Imaxe obtida en Pixabay.com
Xa rematando o curso seguimos recollendo cartas no noso particular buzón. Héctor recibiu unha con agasallo incluído. A tía Luz envioulle unha preciosa postal, unhas fotos dunha celebración familiar e unha xenial pelota inchable para xogar no verán. Espero que a esteades disfrutando!!
Diego tamén tivo a sorte  de recoller unha carta da profe Silvana. Xa pensou que non chegaba máis! Nesta vida hai que aprender a esperar..
A profe Silvia , que anda moi atarefada, escribiulle a Oliva e reveloulle un segredo moi importante. Todos/as compartimos a súa ledicia!
Vídeos obtidos no canal de Youtube de Anabel García
Montaxes ralizadas con PiZap

lunes, 15 de julio de 2019

SAÍDA POR FORCAREI.

Preparados/as para saír.
Tiñamos pendentes varias cousas de final de curso e, unha delas, era a saída que fixemos, xunto cos nenos/as de 1º, por Forcarei.
Tivemos que pospoñela por ameaza de choiva pero , por fin , chegou o día. Arrancamos nada máis chegar ao cole dirixíndonos  á panadaría "A Conquista". Alí esperábannos os sorrintes Loli  e Aurelio, o  matrimonio de panadeiros que nos ían a ensinar o segredo para facer un bo pan.
Puxémos os nosos delantais e atendemos moi ben ás explicacións de Loli, que nos contou como se amasaba agora cunha máquina. Despois houbo e poñerse mans á obra e facer os nosos propios bolos de pan (Menos mal que nos tiñan a masa preparada que se non.... vai ti saber que sairía!). Unha vez metidos no forno, despedímonos  ata  un tempo despois. 
Mentres os bolos quedaban no forno, marchamos cara a cima de Forcarei para visitar a Oficina de Correos. Alí, Mari Carmen, recibiunos moi amablemente para contarnos unha morea de cousas e contestarnos a todas as  nosas preguntas. Despois botamos as cartas que escribiramos aos compis (por sorteo e en segredo) e, por último, recibimos uns agasallos de correos que nos entusiasmaron: caramelos, marcapáxinas e un libriño de pasatempos!
Tivemos que repor forzas e dirixímonos á praza da Igrexa para merendar alí. Unha vez que rematamos, fomos facer a compra. Cada grupo dirixiuse a un supermercado; os de 1º ao Claudio da familia Rivas e os de 2º ao Aliprox Eroski. Entre todos/as xa fixeramos a lista da compra na clase e mercamos os produtos para facer unha merendola no cole. Foi toda unha experiencia!!  E houbo detalles para todos os nenos/as.
Voltamos á panadaría  e alí xuntámonos  para facer unhas deliciosas pizzas. Ao rematar de cocelas,  levámonos os nosos bolos, uns "croissants" e as pizzas, que as baixou Aurelio ao cole para que non foramos cargadas.Que "majo"!
Montaxes realizadas con PiZap
Foi un día fantástico e pasámolo xenial!!! Moitísimas grazas pola súa amabilidade a Loli e Aurelio, a Mari Carmen, ao persoal do Claudio- Carnicería Rivas e do Aliprox Eroski.

jueves, 11 de julio de 2019

RECOMENDACIÓNS LECTORAS (VERÁN 2019).

Imaxe atopada en Pixabay.com
Para este tempo estival temos moitas posibilidades ao noso alcance, unhas máis apetecibles que outras,  pero todas igual de válidas. Quero compartir con vós as lecturas que os nenos /as de 2º escolleron entre parte do que leron este ano. A ver se vos gustan!!!

Recomendacións lectoras 2019


Da miña parte déixovos, a través da páxina Zenda (Autores, libros y compañía), as refrescantes ideas que propón LOQUELEO de Santillana.
FELICES LECTURAS!!

miércoles, 10 de julio de 2019

PROXECTO :MERGULLÁNDONOS NA BIBLIOTECA. 20.000 LEGUAS DE VIAXE SUBMARINA (VII).

Imaxe obtida en Pixabay.com
Recordades que vos dixen que fixeramos un mural conxunto coa clase de 1º ?  Pois utilizámolo para a Paz e para o Día do Libro. Baixo o título "Un océano de  Paz", todos os peixes  levaban uns bocadillos con palabras relacionadas co tema e co rótulo "Un océano de Libros", puxemos a ler aos habitantes mariños.
Así nos quedou!
Co gallo do Día do Libro tamén fixemos uns marcapáxinas ben chulos. Ollade!
Por estas datas, gozamos dunha exposición (colgada no salón de actos), que nos cedeu o Culturmar (Federación Galega pola  Cultura Marítima e Fluvial). Os paneis versaban sobre os oficios do mar e  as embarcacións tradicionais. Dende a biblioteca , creáronnos unha busca de información moi divertida por equipos. Aquí están as fotos de 2º.
Montaxes realizadas con PiZap

martes, 9 de julio de 2019

XERMINANDO.

Imaxe obtida en Pixabay.com
Recordades a nosa aventura de plantación de landras? Claro, xa fai tanto tempo; como para recordalo!  Premede aquí para facer memoria.
Como puidestes observar plantamos en terra pero tamén entre algodón a ver que pasaba. Co paso dos días unha das landras brotou e outra non.
O certo é que pasou un mes, dous, e como somos de cousas inmediatas, xa pensabamos que non ía pasar nada. Pero equivocámonos. Cando chegou a primavera os carballos comezaron a brotar. Iso si, cada un ao seu ritmo.
Cando vimos que a cousa se nos ía das mans, mandámolos  para a casa, en busca dun novo fogar cunhas instrucións sinxelas. 
Como algúns dos carballos non sairan, tivo que a profe (and company) ir a buscalos ao monte para que todos /as os puidesen levar.
 
Montaxes realizadas con Pizap
Se ledes as instrucións poderedes observar que se pide  que se planten as árbores na natureza e se envíe foto do acontecemento. Solo recibín as fotos dunha familia , á que lle estou moi agradecida. O resto, quero pensar, que esqueceu enviar a foto. Apelo a vosa conciencia ecolóxica para que non deixedes que morran unhas árbores que criaron os vosos fillos/as.
Eu, con que unha prenda, doume por satisfeita.

sábado, 6 de julio de 2019

CARTAS QUE VEÑEN E VAN (IV)

Imaxe atopada en Pixabay.com
Seguímosvos contando como recibimos  as cartas na nosa aula. Alá polo mes de marzo foi Xeila a afortunada en obter unha  resposta. Así reaccionou!
O meu querido Iago volveu a contestarme dende o Reino Unido e tivo un detalle precioso. Comenteille que estabamos a traballar sobre o mar e envioume unha postal  co  impoñente faro Beachy Head en East Sussex. Se premedes sobre o nome poderedes ver máis fotos do faro.

E a prima Maca tampouco nos fallou e contestoulle a Luis a súa segunda carta. Foi toda unha sorpresa!
Vídeos obtidos no canal de Youtube de Anabel García
Montaxes reralizadas con PiZap

viernes, 5 de julio de 2019

ANIMAIS FANTÁSTICOS 2019.

Imaxe atopada en Pixabay.com
Como nos gusta imaxinar! Por iso durante o curso, creamos estes disparatados animais que vos describimos a continuación. Que vos gusten!!

miércoles, 3 de julio de 2019

PROXECTO :MERGULLÁNDONOS NA BIBLIOTECA. 20.000 LEGUAS DE VIAXE SUBMARINA (VI).

Imaxe atopada en Pixabay.com
Hoxe contareivos como saíu a Bolsa Viaxeira da nosa aula (previo paso pola biblioteca) e que marabillas nos trouxo de volta.
Nunha bolsa negra de Bibliotecas Escolares aparecía un libro:"Julio y Verne descubren el fondo del mar", un listado de cancións, unha bolsiña de de gasa cun pen drive (contiña a música da lista) e unhas instrucións.  Xunto a todo anterior, unha táboa de madeira de marquetería do tamaño da bolsa.
Que habería que facer? Pois moi sinxelo. Tras ler o libro, que nos serviría de motivación e para dar ideas, habería que escoitar a canción escollida por cada un e plasmar sobre a táboa o que a música nos suxerise. Este foi o estupendo resultado!
Montaxes realizadas  con PiZap
(Os títulos non teñen comiñas o porque ma xogou o PiZap; vale?)
GRAZAS FAMILIAS, POLA VOSA IMPLICACIÓN!!!