Amosando publicacións coa etiqueta Cápsula do tempo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cápsula do tempo. Amosar todas as publicacións

sábado, 24 de xuño de 2017

CHEGOU FINAIS DE XUÑO.

Se algo me caracteriza, para ben ou para mal, é ser unha persoa que cumpre coa súa palabra. Xa vos dixen no seu momento que, cando rematase cada curso(mentres existese este blogue) , publicaría unha entrada para que todos os meus alumnos/as puidésedes  comentar o que quixerades e mantivésemos  así o contacto.
Eu cumprín e aquí está o acordado; agora sodes vós os que tedes que ser consecuentes co que prometestes.
Xa sei que sodes "moi maiores" porque estades no instituto e todo o que representa o cole é infantil e pasades un pouco. Por outro lado, outros acabades de rematar 6º e xa tendes a cabeza noutro lado. Non esquezades nunca de onde vindes, nin quen pasou polas vosas vidas porque seguramente marque o voso fururo e vos dirixa cara onde queredes ir.
Espero os vosos comentarios pero sen demasiada impaciencia, non me quero decepcionar.
Fagades o que fagades os meu sentir por vós non cambia.
BO VERÁN, PERELLOS/AS!!!
Por certo, os alumnos/as de 2º están convidados a comentar tamén.

xoves, 7 de xullo de 2016

CREANDO RECORDOS.

En primeiro lugar, a Fada Perella quere dar as grazas por un agasallo que lle trouxeron da excursión a Barcelona. Séntese tremendamente afortunada porque alguén se lembrou da súa existencia. Teño que dicir que secundo as súas verbas, xa que de min tamén houbo quen se lembrou.
Graciñas por todo!!!
Continuamos falando do enterramento da nosa nova cápsula do tempo. Xa vos contamos que, queimamos parte do recuperado na anterior porque estaba deteriorado e, ademáis engadimos: un Cd coa canción que máis nos gusta, unhas cartas e algún obxecto para o noso eu futuro e a gravación  do momento en que depositamos ditas cartas e obxectos. Despois metemos a cápsula nun baúl; "O Baúl da Memoria". Alí esperamos que se conserven ata que decidamos abrila.
Para festexalo, compartimos unhas chocolatinas conmemorativas do evento.
Por certo, xa creei a páxina que vos comentei. Chámase "Alumnos/as da profe Anabel". So tedes que buscalo no Facebook e darlle á pestana "Unirse al grupo" que aparece na cabeceira. Chegarame a vosa solicitude e eu estrei encantada de aceptarvos. 
AGÁRDOVOS!!!

luns, 20 de xuño de 2016

ABRIMOS OS RECORDOS.


Chegou o día de abrir a Cápsula do Tempo. Aquela caixa que enterramos polo ano 2012 e contiña unha morea de recordos e sentimentos infantís. Aquel mausoleo dourado que tantas cartas albergou para a Fada Perella e tantas alegrías nos proporcionou, sobre todo no Nadal,tiña que ser invadido para poder lograr o obxectivo.
Xuntámonos na aula de 1º todos aqueles que pertencemos a esa historia e aínda estamos no cole, e procedemos á extracción.
Montaxe realizada con BeFunky.

Vaia sorpresa que nos levamos!!!!  O noso xoguetón pothos decidira colar as súas raíces na cápsula e facer estragos. Si, amigos, que lástima!!!Pero lonxe de deixarnos abater polo infortunio decidimos buscarlle unha solución a tamaña continxencia. Xuntos optamos por reducir a cinzas os recordos daquel curso e enterralas nunha nova posibilidade.
Que orgullosa me sinto destes meus nenos/as que xa son os mozos doutros!!!

Que o catártico lume que arde nesta aixada purifique a memoria e os recordos!!!
Paréceme esta unha entrada axeitada para que cumprades co prometido fai anos e tamén os nenos/as de 5º están invitados a contar o que queiran.

luns, 30 de maio de 2016

VOLVE O PASADO.


Queridos alumnos/as de 6º:
Chegou o mes de xuño e con el, o ansiado fin de curso.Un  curso este que  representa o final de moitas cousas, entre elas, a etapa de educación primaria. Marcharedes ao instituto deixando atrás o cole, os profes e un sinfín de actividades e  xogos que vos acompañaron ao longo dos anos. Atrás quedarán as investigacións  de biblioteca, as exposicións de traballos, as probas, as clases,os bailes,as actuacións, os vídeos, as excursións....tantas e tantas cousas que marcaron a vosa nenez e que teredes que despedir.
Toda despedida da paso a algo novo,  a unha renovación do ser e do vivir, que é innata ao ser humano.Por iso debemos estar preparados  e debemos pechar as etapas como se merecen. Sabedes que comigo tedes pendente unha cápsula do tempo enterrada  a finais de 2º (xuño de 2012) e que está desexando  que a abramos.Pero tamén sabedes que sempre cumpro co que prometo  esixindo a mesma rigurosidade por parte do outro. Así vos fago saber que, ansío formalizar o noso trato, sempre e cando a vosa parte estea cumprida. Escribistes todos/as na entrada creada ao efecto o ano pasado  como prometestes ao asinar o noso contrato?
Recordade que somos un equipo para sempre, aínda que a vida nos leve por diferentes camiños, estamos unidos para a eternidade.
Esta é a primeira condición que ten que estar cumprida para seguir adiante co pacto establecido. Para facilitarvos o traballo deixovos o enlace á entrada por se alguén aínda non escribiu.
Premede na imaxe para acceder.

Teredes novas miñas. Permanecede atentos!!!

xoves, 11 de xuño de 2015

HORA DE LER (VI)

Marcos Lesta optou, na Hora de ler, pola literatura galega máis recente. A obra escollida foi "Correo Urxente" da  artista ferrolá Paula Carballeira. Esta polifacética muller, actriz, escritora e contacontos, proponnos unha historia epistolar; non, non, a historia é culinaria; non, é académica e escolar....mmmmm, o mellor será que  leades vós mesmos o libro e opinedes de que vai esta historia.

"La varita mágica de Brunilda" da australiana Valerie Thomas e ilustrada por Korky Paul, chegou á nosa aula da man de Sheila. Alguén sabe que ocorre cando a variña máxica dunha bruxa vai parar a unha lavadora? Pois se  vos interesa averigualo non tendes máis que indagalo neste entrañable texto.

luns, 9 de marzo de 2015

COMO A VIDA MESMA (XVI)+PUNTOS

Como me coñecedes, nenos/as!!!!Pois sí, eu sigo de celebración. Onte foi 8 de marzo e hoxe é 9,e sigo querendo o mesmo mundo limpo, pacífico e igualitario para todos e para todas. Gustaríame, nesta ocasión, traervos unha das mellores voces do noso panorama musical; Guadi Galego, que nos intrerpreta "Matriarcas". Esta canción pertence ao seu último traballo discográfico"Lúas de outubro e agosto".
Xa sei que vos gusta outra música , pero debedes abrir os oídos e a mente  a todo, para así poder escoller. Ademais , quen dixo que non nos poden gustar diferentes estilos? Gozádea e entendédea.

E que vos parece se aproveito para poñer os últimos 5 puntiños do trimestre?Pois , veña, alá van.


O que tendes que facer é ben sinxelo:
1. Ollade o vídeo sobre corenta mulleres que fixeron historia.
2. Escollede 2 que vos chamen a atención e buscade o por que da súa relevancia ( a súa profesión, un feito histórico no que participaron, un descubrimento...)
3. Presentádeo da seguinte maneira: Nome, data de nacemento e falecemento e país de orixe ( Todo iso está no vídeo.Coidado:Margaret Tatcher xa faleceu). Engadide o que fixo de especial.
4.Por último,buscade outra muller extraordinaria, que non apareza no vídeo, e facede o mesmo.
O prazo de entrega será o próximo luns, 16 de marzo.
Veña, que xa os últimos da avaliación!!!

martes, 31 de decembro de 2013

A VOLTAS CO PASADO(II).

A comezos deste curso falamos  da cápsula do tempo e do noso novo pothos (Polo de agora vive. A ver que nos atopamos cando voltemos das vacacións).
Nestas datas tan entrañables nas que nos pode a nostalxia,póñovos o vídeo onde se ve como  enterramos a cápsula.
Que tempos, verdade chicos!!!
(Grazas a Marta por gravarnos e á profe Vane por maquetarnos o vídeo.)