martes, 17 de maio de 2016

LETRAS NOSAS

Mural realizado polos alumnos/as e mestres/as do noso cole.

Chegou o gran día, o das nosas Letras Galegas!!! Que ben que as festexemos nesta data, aínda que nós celebrámolas diariamente.Este ano tivemos que adiantar o festival e fixémolo o xoves pola tarde.Comezamos cunha presentación dos alumnos e alumnas de 6º sobre a vida e obra de Manuel María(o homenaxeado deste ano).

Despois os nenos e nenas de todo Infantil interpretaron a cantiga "A roda -roda"(con letra do autor), para , a continuación ,  facer unha visita guiada virtual pola casa museo de Outeiro de Rei e gozar do baile interpretado polos alumnos/as de 4º, "Caminho de Viseu".
Neste momento tocounos o  turno a nós, xunto cos nenos de 2º, que cantamos "O Sol". Vimos un vídeo titulado "Caracol", que recollía as fantásticas producións dos nenos de Infantil sobre o gasterópodo e rematamos cantando "O carro". Como non podía ser doutro xeito, o "Himno Galego" puxo o broche final ao acto.
Clicade na imaxe para ver o vídeo no noso blogue de Normalización.

Na clase fixemos varias actividades relacionadas co autor e coa data, entre elas, colorear un retrato de Manuel María para compoñer un estupendo mural (feito por todo o cole) ao Andy Warhol; tamén fixemos en plástica un individual para nós;investigamos sobre o autor e tamén sobre o carro. Aproveitamos un que tiñamos a disposición en miniatura e dedicámonos a aprender as súas partes.
Montaxe realizada con PiZap.
Este é o vídeo realizado cos nenos/as que agora están en 6º no ano 2013.

E entre ensaio e ensaio do poema decidimos ilustralo. Mirade que chulo nos quedou!!!

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!!!

domingo, 15 de maio de 2016

A MIÑA FAMILIA, O MEU TESOURO.

Imaxe obtida do Colegio Miramadrid.

O 15 de maio é o Día Internacional das Familias. Foi proclamado pola Organización das Nacións Unidas(ONU) no ano 1993 dada a importancia da institución.Como todos temos unha familia debemos celebralo e ser conscientes do marabilloso agasallo que supón poder gozar dela.
Sexa cal sexa a súa composición, cor, ideoloxía,tamaño.....é nosa, e iso ninguén o pode cuestionar porque a nosa familia é raíz e sustento, refuxo e aloumiño, forza e educación.
A NOSA FAMILIA É O NOSO TESOURO!!!
Vídeo obtido no canal de Youtube de Guiainfantil.
Aínda que todos sabedes perfectamente que facer e como levar as vosas familias, en Guía Infantil, ofrécennos unha morea de consellos, actividades e cousas para facer en familia.
FELIZ DÍA!!!

venres, 13 de maio de 2016

MILES DE BICOS.

Imaxe atopada na rede.

O 13 de maio celebramos o Día do Neno Hospitalizado. Á marxe de que estea instaurado oficialmente, paréceme unha iniciativa preciosa. Polo tanto, a celebralo!!!
Todos estivemos enfermos algunha vez: toses, cararros,virus,dor de barriga...e visitamos a consulta do médico, incluso o hospital.Pero que ocorre cando a enfermidade se volve un pouco rebelde e hai que permanecer ingresado?
Ogallá non teñamos que sabelo nunca; por desgraza hai moitos nenos e nenas que pasan moito tempo nun hospital. Para estes heroes loitadores e heroínas  guerreiras, pais sensibles e nais coraxe,médicos/as implicados e enfermeiras/os suaves e todo o persoal que trata con estes nenos/as van os miles de bicos que temos reservados para eles. Non son uns bicos calquera, nin deses que nos sobran; son xerados especialmente para dar ánimo e alegría a quen a necesita, forza a quen a precisa e cariño a quen  require un empurrón.
BIQUIÑOS MIL PARA TODO/AS!!!
Imaxe atopada na rede.
Deixovos o vídeo que fixeron no INSTITUT GUTTMANN  para celebrar este día coa canción "Un beso redondo" de Conchita. E se clicades aquí poderedes ver a entrada do ano pasado.

mércores, 11 de maio de 2016

A VOLTA AO MUNDO...(IX)

Como remate da primeira parte do proxecto compartirei con vós as fichas que realizamos sobre o Reino Unido. Primeiro  en branco, por se lle servisen de modelo a alguén e despois un exemplo de como nos quedaron. Parécevos?

Preme sobre a imaxe para acceder ás fichas do proxecto.

Este foi o resultado. Gústavos?

luns, 9 de maio de 2016

RECURSOS PARA AS LETRAS GALEGAS.

Imaxe atopada na rede.

Co mes de maio empezan a agromar as flores e celebramos a chegada da primavera na festa dos maios. É neste mes cando máis se senten as nosas letras, aínda que nós somos de todo ano ; e falamos a nosa lingua porque si, porque nos gosta , porque queremos e nos da a gaña. Verdade, Celso Emilio?
Este ano dedícanselle as Letras Galegas ao escritor, poeta e dramaturgo Manual María, que nos ten a todos engaiolados coa súa obra.
Déixovos uns  recursos para traballar o autor e a súa obra (premede na imaxe).
IMOS QUENTANDO MOTORES!!!