Cartel da festa de aniversario
Este mes de xuño, a nosa escola viviu momentos moi especiais durante a semana de celebración do 50 aniversario do centro. Para conmemorar medio século de historia, organizamos unha serie de actividades que puxeron en valor a cultura, a tradición e o amor pola lectura. Un dos momentos máis emocionantes foi a visita de dous grandes referentes da literatura infantil en galego: Celso F Sanmartín e Ana Meilán.
O día 9 de xuño, Celso F Sanmartín achegou a súa paixón pola narración oral aos nosos nenos e nenas. Con moito agarimo e talento, contoulles historias que emocionaron a todos, facendo que os pequenos se mergullaran en tempos pasados. Os rapaces e rapazas quedaron encantados coa súa forma de contar, que conseguiu captar a atención de todos desde o primeiro momento. As familias tamén tiveron a oportunidade de compartir esta experiencia, disfrutando cos seus nenos/as da experiencia.
Tres días despois, o 12 de xuño, foi o turno de Ana Meilán, que nos deleitou cunha sesión moi especial de contacontos. As súas palabras e a súa presenza lograron crear un ambiente acolledor e cheo de ilusión, onde nenos, nenas e familias se sentiron partícipes dunha celebración única.
Montaxes realizadas con Canva.com
Estas visitas foron unha oportunidade única para celebrar o noso aniversario, lembrando a importancia de manter viva a tradición oral e o amor polos libros. Agradecemos a Celso F Sanmartín e a Ana Meilán por compartir o seu talento e por contribuír a que esta semana fose inesquecible para toda a comunidade escolar. Seguiremos traballando para que a cultura e a lectura sigan formando parte do noso día a día, celebrando así o noso pasado e mirando cara ao futuro con ilusión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario