mércores, 8 de marzo de 2017

FELIZ DÍA, FELIZ ANO.

Imaxe atopada na rede.
Como reza o cartel  de aquí arriba, hoxe é 8 de marzo e celebramos o Día Internacional da Muller. Pero interésame máis a mensaxe que nos transmite, celebremos hoxe a igualdade para poñela en práctica o resto do ano.
Este curso,quixen aproveitar a data do 11 de febreiro (Día Internacional da Muller e a Nena Científicas) para que fixésemos unha pequena investigación sobre as mulleres na ciencia. Porque son moitas e ben importantes as mulleres que no mundo traballan para mellorar e que melloremos. Así é que merecen respecto, recoñecemento e igualdade. Tan pronto como teña o resultado do proxecto, ensínovolo. Mentres tanto podedes celebrar o día accedendo as entradas de anos anteriores.
Tamén vos deixo o enlace ao blogue da nosa amiga Isabel Piñero, Las TIC en Primaria, que recolle material interesante.
FELIZ DÍA!!!!

luns, 6 de marzo de 2017

COMO ANDAN OS PUNTOS?

Non vos pensedes  que porque non falemos deles non andan pola aula. Seguimos co noso programa de puntos. Xa temos catro membros exclusivos do clube de 2º que se gañaron o dereito a poñer nome a dito clube pero necesitan un quinto membro que está por chegar. O primeiro que conseguiron foi poder utilizar o recanto da biblioteca de aula para ler e o segundo, acceso ilimitado a todos os libros da aula: os propios (coma todos), os dos compis e os da biblio.
Teñen estes catro membros exclusivos unhas tarxetas de puntos que terán recompensas sorpresa.
Tamén apareceu pola clase un  bote do traballado rematado, que nos axuda a entreternos cando todo o planificado xa está feito. Esta idea saqueina da rede , collendo ideas de moitos lugares ; hai infinitas posibilidades. Eu optei por chamarlle. "Traballo rematado, agora, que fago?" e como podedes ver ofrece a creación de contos e poemas nos dous idiomas, axudarlle a un compañeiro/a,facer un labirinto, un debuxo, un crebacabezas ou ler un libro da biblio. Xa vos destes conta que está enfocado ás linguas pero iso é porque temos obradoiros matemáticos e debemos  abarcalo  todo. Irán aparecendo novidades  nas próximas semanas.
Montaxe realizada con Pizap.

venres, 3 de marzo de 2017

MUNDOS ALTERNATIVOS.

Imaxe atopada na rede.
Prometínlles aos meus nenos/as que, cando tivera tempo, lles faría unha entrada sobre o gran descubrimento da NASA  que se comunicou a semana pasada.  Como eu sempre intento cumplir o que prometo, aí vai o comprometido.
Un equipo internacional de astrónomos deu a coñecer, o pasado 22 de febreiro, a existencia dunha estrela con sete planetas que orbitan ao seu redor con tamaños similares á Terra e con condicións para albergar vida. . Esta estrela anana, vermella e ultrafría atópase a 40 millóns de anos luz da constelación de Acuario.
A medida que escribo este post estanme xurdindo moitas ideas para que poidamos aproveitar este tema; queredes?
En vista do bo resultado e acollida que tivo o traballiño sobre as mulleres científicas (xa volo ensinaremos cando estea rematado) vouvos a propoñer outra encarga.
Doodle de Google creado para a noticia.
PARTE 1 (Voluntaria)
Teredes que buscar información sobre as seguintes cuestións:
- Que significa NASA?
-Cal é o nome da estrela da que estamos falando?
-Cales son as súas 3 características principais?(Cor , tamaño e temperatura).
- A que constelación pertence?
-Que nomes reciben os novos planetas?
Para contestar esas cuestións deberedes fixarvos no texto anterior (algunha xa está contestada aí) e tamén vos poño algúns enlaces para que busquedes a información.
O que  traia estas preguntas contestadas á clase obterá 5 PUNTOS para sumar no seu marcador persoal. O prazo remata o 10 de marzo.
 A PARTE 2 farémola todos en clase. Estou argallando nela!!!

martes, 28 de febreiro de 2017

CELEBRACIÓN DO ENTROIDO.

Capa do DVD de Pesdelán.
E chegou o día esperado!!!A profe non é moito de historias(aínda así fai o que pode) pero aos nenos/as de 2º si lles gusta entroidar. Despois de facer a entrega solemne do agasallo de Rosalía (contado nunha entrada anterior),xa era tempo de pasar á troula.
Primeiro, ímovos ensinar que guapos viñamos.
Montaxe realizada con BeFunky.
Gozamos dunha estupenda actuación de Pesdelán, que nos viñeron a presentar o seu último traballo "Entroidanzas".Este é unha compilación de danzas de carnaval de todo o mundo para todo o mundo. Deixovos a presentación.
Obtido no canal de Youtube de Merlo Branco.
Pasámolo xenial na festa e como remate, no comedor servíronnos orellas e chocolate. Pódese pedir máis?

domingo, 26 de febreiro de 2017

SEMANA DO MECO (II).

Velaquí o tan temido pote no que podes acabar se non cumpres o que o Meco manda. Pero a nós non nos pillou de sorpresa e non tivemos que  ir de cabeza a el. Mirade que ben fixemos o que nos mandou.
-O terceiro día tocaba algo na cabeza, unha bata de casa e unhas pantufas.
 - E para rematar pediunos o dos tres días anteriores e ademais un peluche.
Montaxes realizadas con PiZap.
No principio da semana cumprimos coa tradición e fixemos ricas filloas  cos nenos e nenas de 3 anos e a profe Vane. Puxémonos como quicos!!!! Se non o credes; mirade, mirade!!!
Montaxes ralizadas con Be Funky.
GRAZAS POR UNHA TARDE PERFECTA!!!