Imaxe obtida en Colegio Los Sauces
Aínda que a información quedou no tinteiro e non puidemos publicala no seu momento, non queremos deixar pasar a oportunidade de compartir unha xornada moi especial que vivimos no cole con motivo do Día das Letras Galegas.
Nesta celebración contamos coa visita do alumnado do CEIP San Xoán Bautista de Cerdedo, co que compartimos unha mañá chea de actividades, diversión e aprendizaxes arredor da nosa lingua e cultura.
A xornada comezou coa representación teatral "A osa quere xogar", da compañía Trécola Teatro, que nos fixo rir, participar e gozar dunha historia moi entretida.
Despois, participamos en diferentes obradoiros preparados para a ocasión. Elaboramos chapas, desciframos frases relacionadas coa autora homenaxeada neste día e colaboramos na creación de carteis colectivos, nos que cada quen puido achegar o seu gran de area.
Montaxes realizadas con Canva.com
Para rematar, cantamos xuntos a canción "Begoñísima", interpretada por Uxía e Malvela, poñendo o broche final a unha xornada de convivencia, cultura e celebración da lingua galega. Podedes recordar a canción aquí.
Foi un día moi especial que gardaremos con agarimo e que nos axudou a seguir descubrindo e valorando a riqueza do noso patrimonio cultural.



Ningún comentario:
Publicar un comentario