luns, 23 de febreiro de 2026

DÍA DE ROSALÍA (2026).

Imaxe obtida en puzlefactory.com
No noso cole, estes últimos días de febreiro, estanse enchendo de palabras fermosas, lembranzas e poesía no noso idioma. O 21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna, e o 23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, son datas relevantes para lembrar e celebrar.
A lingua materna é moi importante porque é a primeira lingua que aprendemos, a que usamos para falar coa nosa familia e expresar os nosos sentimentos. A través dela aprendemos a entender o mundo que nos rodea e a comunicarnos cos demais. Forma parte da nosa identidade e da nosa cultura, por iso debemos coidala, respectala e empregala con orgullo cada día.
Hoxe, no Día de Rosalía, celebramos un acto conxunto no salón no que participou todo o alumnado do centro. Durante o acto realizouse a lectura dun manifesto que relacionaba a obra de Rosalía co noso PDI deste curso, “Tesouros verdes de Galicia”. Nel destacouse como a autora soubo expresar, a través dos seus versos, o amor pola terra, pola natureza e polas tradicións galegas, convertendo as palabras nun verdadeiro tesouro. Do mesmo xeito que nós estamos a descubrir os tesouros verdes da nosa contorna, Rosalía puxo voz á beleza e tamén ás dificultades da Galicia do seu tempo.

En primeiro curso achegámonos á figura de Rosalía dun xeito moi especial. Traballamos a súa biografía, coñecendo datos importantes da súa vida: onde naceu, cando viviu, algunhas das súas obras máis coñecidas e por que é unha figura tan importante para Galicia.
Como actividade final, cada neno e nena elaborou unha flor moi especial: en cada pétalo escribimos un dato relevante da súa vida. Así, creamos un xardín cheo de flores que gardan a memoria dunha das escritoras máis importantes da nosa cultura.
Montaxes realizadas con Canva.com
Compártovos un quebracabezas da nosa autora no que podedes ir aumentando a dificultade.
FELIZ DÍA!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario