luns, 30 de decembro de 2019

COUSAS DO NADAL.

Imaxe atopada en Pixabay .com
Imos seguir contando cousas que fixemos na última semaniña do trimestre. 
Alá polo 17 deste mes e, seguindo cos bos costumes, xuntámonos cos nenos/as de Infantil B e fomos facer galletas ao comedor. A profe Vane xa preparara a masa na casa (ás veces o tempo xoga na contra) e nós so tivemos que moldear as formas. Quedaron bastante chusquiñas. O mellor foi o ben que sabían!!
Ese mesmo día recibimos unha das visitas máis especiais do ano, a de Papá Noel. Todos nos emocionamos e recibimos un agasallo del. Bueno, á profe  díxolle que llo enviaba á casa, pero se se portara ben!
Montaxes realizadas con PiZap
Moitas grazas a Isabel Padín polas fotos.

domingo, 29 de decembro de 2019

NOVO RECANTO NA BIBLIO.

Imaxe de Photorama en Pixabay.com
Tamén na última semana de cole vivimos unha fermosa experiencia na nosa biblioteca escolar. Por fin se creou o Recanto de Adultos para as familias e mestres!!
Cunha idea de xa fai moito tempo e un traballo a contrarreloxio, o día 17 de decembro, inauguramos ese recuncho. Foi moi emocionante ver como os nosos nenos/as lles recordaban aos seus pais e nais que había que facerse o carné, como recibimos donacións para dotar de material interesante o espazo e  a boa acollida que tivo a invitación que se lles fixo aos usuarios que xa forman parte da biblio.
Anque na biblioteca non se pode comer, fixemos unha excepción porque a ocasión o merecía e Biblo, quixo ter un detalle cos asistentes.Así foi a tarde!
Montaxe realizada con Pizap
Moitos usuarios xa saíron cos seus libros e xa temos novas solicitudes de entrada. Esperámosvos no noso recanto, no voso recanto!!!!
BIBLIOTECA DE ADULTOS

sábado, 28 de decembro de 2019

LECCIÓNS DE VIDA.

Logo
Na última semana de clase tivemos unha actividade frenética. Contarémola por partes.
O día 16 recibimos unha visita moi especial; a de Álex, un chico moi simpático de Lalín que veu a contarnos como é a vida dalguén que se despraza en cadeira de rodas. Fundador da Asociación Working Wheels, Álex visita centros escolares para concienciar, visibilizar e normalizar  a situación de persoas con divesidade funcional. Esa mañá tamén se pasaron polo cole chicos e chicas de Cogami Deza CRD Medelo-Bandeira, que nos falaron das súas experiencias vitais. 
Se premedes sobre a imaxe do logo, accederedes á páxina do facebook da Asociación .
Foi unha mañá ben entretida na que escoitamos historias moi interesantes, probamos o que se sente ao ir en cadeira de rodas e vimos un coche adaptado, que nos chamou moitísimo a atención.
Montaxe realizada con Pizap
Todo o que vimos e aprendimos plasmámolo nestas fichas. Ollade!!

Grazas, chicos/as, por ensinarnos que os soños non teñen límites!!!
Grazas, profe Silvana, por achegarnos a outras realidades!!!

venres, 27 de decembro de 2019

PERELLA E O CALENDARIO DE ADVENTO.

Imaxe de Pixaline para Pixabay.com
Como ven facendo nos últimos anos, a fada Perella visitounos para propornos facer un calendario de advento. Recibímolo con moita ledicia pero algún non foi consciente do compromiso que adquiría ao comprometerse a facelo. As cousas quedaron claras ao final!
Este curso recibimos os mandados por entregas, como os contos coleccionables, e tivemos algúns problemas de recepción.
Algunhas das cousas que nos tocaron facer foron : un abrazo colectivo de aula (como pasou por alí a profe Vane, aproveitaron para abrazala tamén. Bótana de menos!), facer un debuxo para un compañeiro/a, levar un sorriso na cara, axudar a quen o precise, colaborar na casa... Como vedes, un pouquiño de todo!!
Montaxes realizadas con Pizap

xoves, 26 de decembro de 2019

CELEBRANDO A DIVERSIDADE.

Imaxe atopada na rede
O día 3 de decembro celebramos no cole a existencia de persoas no mundo que teñen capacidades diferentes. Pois..... igual ca nós, non?
Na aula, fomos confeccionando unhas mans laranxas con mensaxe. Esta cor foi escollida por asociacións da zona para visibilizar ás persoas con diversidade funcional e, concienciar á sociedade de que son seres humanos coma nós, que precisan axuda, pero poden facer case de todo e ser moi felices. 
Nalgunhas aulas escribiron palabras que falaban da integración, no noso caso creamos unha frase de clase. Sabedes o que pon?
INCLUSIÓN XA!❤️
Xuntámonos no salón de actos e vimos un vídeo do conto "Superniños",que nos gustou un montón  e, por último, fixemos unhas fotos coas nosas mans que se enviaron á Asociación Working Wheels de Lalín.
Temos que darlle as grazas, de maneira especial, á profe Silvana que foi xerme desta iniciativa. Pero...non quedou a cousa aí.Xa vos contarei!
Montaxes realizadas con Pizap
Déixovos a curta para que gocedes outra vez!
Obtido no canal de Youtube de Niños Aventureros.