Imaxe de Pixabay.com
O martes 16 tivemos a oportunidade de vivir unha xornada moi especial coa nosa visita á residencia Virxe das Dores de Forcarei. Ata alí desprazámonos os nenos e nenas de educación infantil, 1º e 2º de primaria, con moita ilusión e ganas de compartir un bonito momento cos residentes.
Antes de ir, todo o cole preparamos con moito cariño unhas postais para os residentes.Velaquí as nosas.
Ao chegar á residencia, entregámolas persoalmente ás persoas maiores, que nos recibiron con sorrisos, palabras agarimosas e moita emoción. Foi un momento precioso para tod@s.
A continuación realizamos unha actuación musical que preparamos para o noso fertival. As obras escollidas foron “O boneco de neve”, “Carapuchiña Vermella”, unha alegre polka e un pizzicato. Actuamos con entusiasmo e debeulles de gustar ao xulgar polas súas caras e os seus aplausos.
Os residentes tamén quixeron demostrarnos o seu agarimo. Agasalláronnos con rosas feitas por eles mesmos, cheas de cariño e dedicación. Ademais, compartiron connosco unha super merendola, que puxo o broche final a unha mañá inesquecible.
Esta visita ensinounos a importancia de respectar, querer e compartir tempo cos maiores. Volvemos ao colexio moi felices, coa sensación de ter vivido unha experiencia enriquecedora que quedará para sempre no noso recordo.

.png)

Ningún comentario:
Publicar un comentario