mércores, 29 de maio de 2019

QUE PASA COS PUNTOS?

Alguén se lembra dos nosos famosos puntos? Xa tivemos dúas remesas coas súas correspondentes recompensas. Podedes recordalo aquí. Como podedes comprobar, todos/as os superaron. Por iso houbo que crear novos retos. Co terceiro, conseguíase o carné da clase e co cuarto, decidir  a que se quere xogar cando se remata o traballo (sen sacar unha tarxeta do bote "Traballo rematado, agora que fago?"). 
A foto xa non é moi actual (hai nenos/as no cuarto reto) pero vale para facerse unha idea.
Para realizar os carnés, primeiro tivemos que buscarlle un nome á clase. Fixémolo por votación e gañou : Os currantes de 2º.
Montaxe realizada con PiZap.
A ver que pasa ata o final do curso.

luns, 27 de maio de 2019

CELEBRANDO AS LETRAS.

Imaxe atopada na rede
Con tanta celebración case non hai tempo para contar como celebramos as cousas realmente.Por iso hoxe, tócalle o turno ao festexo das nosas Letras.
Comezamos visitando a biblioteca escolar, por quendas, para ir realizando un estupendo lapiceiro conmemorativo. Grazas á profe María José e a profe Susana elaboramos a manualidade en cartolina. Ollade como traballamos!
Unha  vez feita a base, que era o máis difícil, démoslle os últimos toques na aula: escribimos a data e o nome do autor nun libriño, pegamos a súa fotografía e decorámolo con estrelas.  Tamén fixemos unhas fichas adaptadas do material do Seminario Galán  e  da Primavera das Letras, sobre a biografía e a obra do autor e sobre a cantiga de "O casamento da pulga e a mosca".(Ensínovolas noutra entrada).
Este foi o resultado!!!
E o día xuntámonos todos/as no salón de actos para ver e escoitar unha presentación magnífica realizada polo nenos/as de 6º de primaria sobre autor. Tamén nos leron un texto escrito por el que nos gustou moito e rematamos cantando"O casamento da pulga e a mosca" que ensaiamos co profe Toño. Pero non foi unha interpretación calquera , xa que contamos cunhas pandereteiras moi especiais. Aquí están!!
Ese mércores  marchamos para a casa así de contentos/as. (Todos menos Diego, que como estivo enfermo non puido facer o lapiceiro. Pero todo se andará).
Montaxes realizadas con Pizap.

venres, 24 de maio de 2019

DÍA EUROPEO DOS PARQUES NATURAIS.

Imaxe atopada en Pixabay
O 24 de maio, ademáis de ser o Día Nacional da  Epilepsia e o Día Internacional das Mulleres pola Paz e o Desarme, celebramos o Día Europeo dos Parques Naturais. Imos centrarnos nesta data que se ven celebrando  dende  o ano 1999. No Portal informativo de Campo de Criptana aparecen máis datos.
E agora gustaríame compartirvos unha experiencia que estivemos realizando ao longo do curso. Alá polo 5 de decembro, despois de traer á clase froitos, follas e cousas relacionadas co outono, pasoúseme pola cabeza a brillante idea de plantar un carballo. Pero non como os garavanzos, as fabas e  as lentellas que as plantamos entre todos (1º en algodón e despois en terra). Noooon! Cada un  o seu e con visión de futuro.
Pedínlles aos nenos/as máis landras, pedín no comedor botellas para cortar e na casa axuda para furar e encher as nosas macetas. E o día 5 , estaba todo preparado!!
A alguén lle soa "¡Ai, Manolete, se non sabes torear, p´a que te metes!" Pois esa son eu. A plantación fixémola sen problema pero... xerminarían?
Monaxe realizada con PiZap
Teredes que pasarvos para saber que pasou cos...... Carballos de 2º!!!

martes, 21 de maio de 2019

DIVERSIDADE CULTURAL 2019.

Imaxe obtida en Pixabay.com
O 21 de maio tócalle o turno á Diversidade Cultural para o Diálogo e o Desenvolvemento. Nas entradas doutros anos aparece a explicación  deste día. Clicade aquí para enterarvos.
Na páxina das Nacións Unidas fálanos da importancia da diversidade.
Tedes a información máis ampliada na páxina arxentina de AIM (Axencia de Información Mercosur)
Para rematar, ofrézovos a historia de Aisha, unha nena que cambia de país e ten medo de mostrarse  e como é. Que ocorrerá?
Obtido no canal de Youtube de Alex Soto
Cando aprendamos a respectar ao diferente, seremos conscientes da riqueza que supón esa diferenza e poderemos pedir o mesmo trato cara o que somos nós.
FELIZ DÍA!!!

luns, 20 de maio de 2019

DÍA DAS ABELLAS.

Imaxe obtida na páxina de GREEPEACE
No ano 2017, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou o 20 de maio, como Día Mundial das Abellas. Grazas á petición da República de Eslovenia e co apoio da Federación Internacional de Asociacións de Apicultores (Apimondia) e da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e  a Agricultura), conseguiron as abellas unha data no calendario. Pero.... por que? Porque estes pequenos insectos polinizadores, xunto con outros animais como as bolboretas, os morcegos e os colibrís, son fundamentais para a nosa alimentación e cada vez están máis ameazadas.
Na páxina das Nacións Unidas tedes información sobre o tema. Clicade para acceder.
Na páxina de GRENPEACE podedes seguir informádovos.
Déixovos un vídeo sobre a polinización.
Obtido no canal de Youtube de Story Music
E para rematar non puiden resistir a tentación de poñervos  o primeiro capítulo de "La abeja Maya". Xa sei que que a serie se modernizou pero... a min gústame esta! A ver que vos parece!
Obtido no canal de Youtube de La abeja Maya clásica
FELIZ DÍA!!!