mércores, 6 de maio de 2026

AS FAMILIAS TAMÉN CONTAN (IV ED).

Imaxe creada con Gemini.
O pasado mes de abril, mes do libro por excelencia, puxemos marcha a 4ª edición de “As familias tamén contan”, unha actividade moi especial na que as familias do alumnado veñen á escola para compartir momentos de lectura coas diferentes clases. É unha iniciativa que nos encanta, porque une escola e fogar arredor dos libros e das historias.
Comezamos o martes 14 de abril coa visita de Ángeles, a nai de Valentina. Veu á aula con moita ilusión e leunos o conto “Chibos, chibóns”. Ademais, sorprendeunos con un par de contos máis nos que Valentina e a súa irmá eran as protagonistas, o que fixo a experiencia aínda máis divertida e próxima. Ao rematar, entregámoslle un diploma, un marcapáxinas e uns bombóns como agradecemento pola súa participación, e fixemos unha foto de recordo.
A seguinte visita foi o luns 20 de abril, cando nos acompañou o avó de Álvaro e Tiago. Nesta ocasión, a actividade tivo lugar na biblioteca do centro e tamén participaron os nenos e nenas de Infantil B, xa que o lector comparte netos. O avó leunos os contos “A que sabe a lúa?” e “O carteiro que non sabía ler”, que escoitamos con moita atención e entusiasmo.
Montaxes realizadas con Canva.com
Gustounos moito poder vivir estas experiencias tan enriquecedoras. Grazas a todas as familias por colaborar e facer da lectura un momento compartido tan especial. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario