venres, 20 de febreiro de 2026

DESFILE DE ENTROIDO 2026.

Imaxe de Giovanna Orlando en Pixabay.com
O pasado venres 13 de febreiro celebramos o noso esperado desfile de Entroido. Aínda que o mal tempo nos obrigou a cambiar os plans e trasladar a festa ao pavillón municipal, iso non impediu que vivísemos unha xornada chea de cor, música e alegría.
Este ano, os disfraces estiveron inspirados no noso Proxecto Documental (PD) “Tesouros verdes de Galicia”, e cada curso representou unha parte moi especial da natureza:
- Infantil A convertiuse en xardineiros e xardineiras, coidando as nosas plantas.
- Infantil B encheu o pavillón de cor coas súas froitas.
- 1º curso transformouse en fadas e trasnos do bosque, traendo maxia e ilusión.
- 2º curso foi de cociñeiros e cociñeiras de plantas aromáticas, espallando arrecendos imaxinarios.
- 3º curso representou aos polinizadores, tan importantes para a vida.
- 4º curso deu vida a simpáticos espantapáxaros.
- 5º curso sorprendeunos con misteriosos druídas.
- 6º curso pechou o desfile como gardabosques e árbores autóctonas, lembrándonos a importancia de coidar o noso patrimonio natural.
Compártovos a montaxe da profe Vane coa semana de Entroido. (Aparece o Meco e  desfile).
 
Montaxe realizada en Canva.com pola profe Vane
Despois do desfile, todo o alumnado cantou e bailou a canción “Bosque dos tesouros verdes”, unha adaptación da canción Golden de Huntrix, preparada con moita ilusión para a ocasión. O pavillón encheuse de ritmo e entusiasmo!
Obtido na canle de Youtube de Anabel García
Para repoñer forzas, degustamos unha deliciosa rosca que repartiu o Concello, ao que lle agradecemos a súa colaboración.
E como broche final, gozamos da divertida actuación do pallaso Popín, que nos fixo rir sen parar, tamén grazas ao Concello.
Sen dúbida, foi un Entroido diferente pero moi especial, no que demostramos que, con ilusión e creatividade, a festa sempre continúa.

 Viva o Entroido e os nosos tesouros verdes!

Ningún comentario:

Publicar un comentario