xoves, 28 de febreiro de 2019

RAREZAS.

Imaxe obtida na rede
Doce anos demandando atención sobre as enfermidades raras. Pero ... que son? 
Estamos acostumados a escoitar nomes de doenzas que padecemos de maneira habitual e, incluso algunhas que son crónicas(non das de escribir, eh?). Considéranse enfermidades raras aquelas que son pouco frecuentes e que afectan a un número limitado da poboación total, definido en Europa como menos de 1 por cada 2.000 cidadáns.(Según a Federación Española de Enfermidades Raras). O grave problema  é que existen unha cantidade enorme  de doenzas deste tipo, todas diferentes entre si, e moi pouca investigación ao respecto. Temos que visibilizalas!!! Quen sabe se algún día , sairá da miña aula un investigador ou investigadora que dea coa cura dalgunha delas? Ogallá o vexan os meus ollos!!!
Se queredes máis información, nesta páxina de pediatría podedes atopala. Premede na imaxe.
Mentres tanto , déixovos o vídeo da campaña deste ano.

Obtido no canal de Youtube de rarediseaseday
RECORDA: RARA É A ENFERMIDADE, NON A PERSOA.
FELIZ DÍA!

martes, 26 de febreiro de 2019

CELEBRANDO A ROSALÍA.

Portada do libro "Rosalía" de Luisa Carnés.
Pois chegou o día no que puidemos celebrar a nosa poetisa máis universal, a que nos inspira profudamente e nos guía dentro do ámbito das nosas letras: Rosalía de Castro.
Xa vos comentei que tivemos unha semana moi atarefada na biblioteca: o luns, escoitamos o recitado, polos alumnos /as de 5º e 6º, de "Adios ríos, adios fontes"; o martes e o mércores, fomos por turnos a pintar uns retratos da autora para  elaborar un cartel e xoves e venres, fomos a escribir poesías de Rosalía para encher un bote con parte do seu legado.
Na clase realizamos uns preciosos marcapáxinas que elaborou a profe Eva de 1º. Xa eran moi chulos e nós démoslle cor. A ver que vos parecen!!
Pero a verdadeira festa vivímola nas aulas preparando o recitado de "Del mar azul las transparentes olas", poema pertencente a "En las orillas del Sar" (1884).Este ano escollimos, a profe Vane e máis eu, unha poesía en castelán porque era o que mellor nos acaía dentro do noso proxecto do mar. Aínda así ,non puidemos renunciar a que o galego estivese presente e copiamos un fragmento de "Cantares Gallegos", que tamén menciona o mar.
Volvemos a liarnos a manta á cabeza e pedímoslles ás familias vídeos con imaxes mariñas. Obtivemos , coma sempre, unha estupenda resposta por parte de todos/as e ,coas imaxes e gravacións dos nenos/as, saiu esta fantástica montaxe.

Montaxe realizada pola profe Vane.
E para celebrar o día, enchemos as nosas botellas (as que podería arrolar o mar) con area, cunchas, moedas de ouro e a poesía da autora. Un fermoso tesouro que agochaba a Esencia de Rosalía.
Montaxes realizadas con Pizap.
Solo podo rematar esta entrada dicindo : LONGA VIDA A ROSALÍA e GRAZAS a todos os participantes!!

domingo, 24 de febreiro de 2019

DA LINGUA MATER Á ROSA INSIGNE.

Retrato de Mónica Jiménez
Con so dous días de diferenza celebramos o Día Intenacional da Lingua Materna e a data de nacemento da nai do Rexurdimento Galego. Curioso, non si?
Volve Rosalía ás nosas aula, onde sempre está presente, para unirnos nun ilusionante proxecto común. Recorre os nosos corredores para visitar a biblioteca e agasallarnos con recitados e plasticidade.
Como este ano o 24 de febreiro coincide en domingo traballamos toda a semana pero o colofón final será o luns 25 (cando xa teremos que recibir o Entroido. Isto é un non parar!).
Para festexar este día, e non adiantar as sorpresas que temos para mañá, quero facerme eco da iniciativa deste ano do Concello da A Estrada. Xa gozamos na pasada edición dun expléndido traballo de recitado da autora polo mundo adiante e nesta ocasión sorpréndennos  cunha marabillosa versión do "Stand by me" de Ben E. King. Nela colaboran  estupendos artistas estradenses, algún dos cales temos o pracer de coñecer : profes do instituto en Forcarei, papás de alumnas do cole.... Canta arte nos rodea!
Gozade desta homenaxe, merecida e inmensa, coa que os estradenses (nos que me inclúo), queren honrar a Rosalía.
Obtido no canal de Youtube de  Concello da Estrada.
ROSALÍA; ESTÁS EN MIN!!!
Entradas de anos anteriores, aquí.

sábado, 23 de febreiro de 2019

ECOS PASADOS.

Montaxe do Día da Paz dos alumnos/as de Infantil
Cando publiquei a entrada do Día da Paz comenteivos que tiña unha pequena sorpresa; lembrádelo?
Pois ben, procuro cumprir sempre o que prometo (aínda que sexa tarde). Aí vos vai!
Unhas crónicas dese día e da reapertura da biblioteca!!! Bueeeeno, vaaaale, esa non é a sorpresa. Poñovola a continuación.
Unha das cousas que fixemos para celebrar o Día da Paz foi aprender unha poesía para recitala. Titúlase "Mensajero de la Paz" e foi escrita por Melba N. Fernández. Escollina porque fala da Paz e do mar. Un grupo de voluntarios de clase quixo recitala para todos vós. Que vos guste moito!!!
Obtido no canal de Youtube de Anabel García




xoves, 21 de febreiro de 2019

A MIÑA LINGUA MATERNA É...

Imaxe da Corporación Radio e Televisión de Galicia
Antes de festexar á nosa Rosalía, celebramos o Día Internacional da Lingua Materna. O 21 de febreiro, queremos ensalzar a nosa lingua; aquela que aprendemos primeiro, na que xogamos e rimos, pero tamén choramos e sentimos, na que aprendemos na escola e moceamos nas festas, na que murmuramos cos avós e berramos ás inxustizas. A lingua que cala, que  flúe, que chouta, aquela que resiste e vence. Temos a sorte de ter dúas linguas cooficiais; non perdamos as raíces, nin desprecemos o lonxano; enriquezámonos co cultivo de ambas.
Tedes máis información sobre este tema na Galipedia. Premede sobre a imaxe para acceder.
A Cátedra UNESCO de Patrimonio Lingüístico Mundial(MHOUK) da Universidade do País Vasco (UPV/EHU), co apoio da Fundación AZCUE, creou unha animación dixital para este día e conmemorar así, que o ano 2019 é o Ano Internacional das Linguas Indíxenas. Esta é a súa versión en galego.
Obtido no canal de Youtube  Munduku Hizkuntza Ondarearen UNESCO Katedra
Non esquezades visitar as entradas de anos anteriores aquí.
FELIZ DÍA!!!