domingo, 31 de mayo de 2015

CORREO MASIVO.

Alá polo mes de marzo, Ana de 4º e Diana de 5º, volveron a escribirlle á Fada Perella e obtiveron respostas individualizadas da mesma.
Creo que a nosa Fada decidiu premiarlles así a súa dedicación e, se cadra, tamén conseguiu que o resto se puxeran as pilas.  E veña; cartas por un tubo!!!
 Durante o mes de abril Vero, Daniel, Sheila e Iván escribíronlle unha carta e Ana e Uxía, nada menos que dúas.A pobre de Perella case non da con todo. Finalmente, contestou o outro día. Paréceme que non deixou nada no tinteiro pero xa xurdiron novas cuestións que preguntarlle. 
Prepárate, Fada Perella!!!!

viernes, 29 de mayo de 2015

UN RANGOLI MOI ESPECIAL.

Cada día,na India rural, unha muller da casa érguese ás 5:00 da mañá para realizar un rangoli e  darlle á benvida ás persoas importantes e atraer a sorte dos deuses. Pero como; que non sabedes  de que estou falando? Pois o mesmiño que todos nós antes de que se programase a visita de Lancy Dodem ao noso cole. Vaiamos por partes.
Lancy Dodem está considerado o primeiro neno apadriñado pola Fundación Vicente Ferrer. Se queredes saber máis cousiñas sobre el , clicade o enlace de Plataforma Editorial.
O día 21 de maio veu ao noso cole, grazas á invitación que lle fixo a profe Mª José e estivo contándonos moitos detalles do seu país de orixe, a India.
Para darlle a benvida todos no cole traballamos para elaborar un rangoli.
Se queredes saber como facelo premede aquí e iredes á páxina oficial da Fundación.
Eu deixovos  a nosa particular realización desta especie de "alfombra floral".

E tamén as crónicas que resumen o día para que vexades o ben que o pasamos.

miércoles, 27 de mayo de 2015

HORA DE LER (V).

Ana quixo agasallarnos coa lectura de "Frederick" de Leo Leonni,un poético relato dun rato que recollía os raios de sol para os fríos e escuros días de inverno e as cores, para o inverno gris. Sen dúbida foi unha gran historia!!!
A lectura de Daniel ven da man dun vello coñecido, Roald Dalh,  e do seu "Superzorro", que fixo as delicias da clase. Menos mal que os libros quedan na biblioteca da aula, para así poder collelos sempre que temos un oco despois do traballo.
Teño pendente  unha sorpresiña sobre este libro. En breve!!!

lunes, 25 de mayo de 2015

COMO A VIDA MESMA (XXV) (2014-2015) +PUNTOS.

Hoxe tócanos un pouquiño de reflexión a través dun conto oriental que atopei na rede e despois "tuneei"un pouco. Aquí volo deixo.
Pero isto é pouco, non? Aproveitamos para uns puntiños? Pois imos logo!
Na primeira parte dos puntos deberedes escribir que ensinanza sacades vós do conto que acabades de ler neste post e na segunda....atentos ás intrucións!:
-1º. Buscade a entrada sobre os museos.
-2º. Accedede a cada un deles.
-3º. Copiade 3 obras de cada museo xunto co nome do autor e a data de realización.
Deixovos un enlace a obras do Museo do Louvre porque na visita virtual non aparecen  nomes de obras:

Tedes ata o luns, día 1 de xuño, para entregar o traballo e conseguir 5 puntos.

Vamos chicos/as; xa estamos na recta final!!!

sábado, 23 de mayo de 2015

REPASO DE MATES(II)

Imos coa segunda parte dos xogos de repaso das Mates.
Comezamos con operacións con números decimais do portal do Gobierno de Canarias (Proyecto Medusa). No primeiro sumamos e no segundo practicamos a resta.

Para  comprobar como controlades o reloxio este xogo atopado nun repositorio de xogos de Educa Madrid (É bastante completo horas no reloxio, sumas e restas de tempo, conversión...)
E para falar de cartos, esta actividade de ANAYA.
Xoga a dar o cambio con esta actividade de Childtopia

jueves, 21 de mayo de 2015

DIVERSIDADE CULTURAL.

O 21 de maio celebramos  o día Mundial da Diversidade Cultural para o Diálogo e o Desenvolvemento. Pero, que quere dicir todo iso?As veces aos adultos encántanos perdernos en palabras grandilocuentes que aos máis pequenos non vos dín nada. Por iso, quizais nos resulte máis útil este conto (atopado na rede), que aínda que poida resultar bastante infantil, resume a idea da diversidade e do que supón respectala para enriquecernos todos.
Según o Dicionario da Real Academia Galega, a cultura é o conxunto de coñecementos, crenzas e costumes que caracterizan ás sociedades humanas organizadas, particularmente as máis avanzadas.
A diversidade cultural refírese á interacción e á convivencia entre distintas culturas. Desde o respecto e a tolerancia debemos aproveitar este patrimonio da humanidade para coñecernos, achegarnos e enriquecernos sempre nun clima de IGUALDADE.
Hoxe, no cole, recibimos unha visita moi especial con motivo da celebración desta data.Pero iso contarémolo, noutra entrada.

miércoles, 20 de mayo de 2015

CELEBRANDO AS LETRAS.


Xa sabedes todos que o Día das Letras Galegas foi o día 17 de maio pero como era domingo, no cole, celebrámolas o venres 15.Así é que, xuntámonos todo o cole na entrada e ,despois dunhas palabras do profe Javi, fomos colocando os nomes de todos os homenaxeados das Letras desde o ano 1963, cando se inaugurou a iniciativa con Rosalía de Castro.Do libro das letras saíron  os nomes dos autores e unha chea de bolboretas (que fixera cos nenos/as a profe Puri) e cubriron a parede de cor e cultura.
Acto seguido, uns alumnos de secundaria coas pandereteiras do cole interpretaron "Entrelazado de Allariz" para rematar todos cantando o Himno Galego.
Foi un acto sinxelo pero cheo de expresión, beleza e amor polas letras.

domingo, 17 de mayo de 2015

COMO A VIDA MESMA((XXIV( (2014-2015)

Hoxe temos que traer á nosa sección un  par de celebracións importantes. Onte celebramos as Nosas Letras por todo o alto e non dixemos nada para non facerlle sombra pero tamén era o día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade de Información.O Intef ofrécenos algúns recursos para traballar este tema, solo hai que premer na imaxe para ver o contido.
Ao abeiro desta data quero facer unha reflexión.
É evidente que as redes sociais cobran cada vez máis relevancia(que non se debería confundir con importancia) nas nosas vidas.Como adultos temos, na maioría dos casos, a capacidade suficiente como para elexir que facemos e como, na rede. Pero que pasa cos nenos/as e adolescentes? Existen redes creadas exclusivamente para eles, onde a presenza de pais/nais e mestres é imprescindible.
A revista educativa Educación 3.0 ofrécenos cinco posiblilidades de redes sociais para menores.
Clicade na imaxe para acceder á información.

Noutra orde de cousas , dicir que hoxe é o día Internacional dos Museos, que se celebra desde o ano 1977. Non se me ocorre mellor maneira de festexar este día que cunhas cantas visitas virtuais a algún dos museos máis prestixiosos do mundo. 

Museo do Prado (Madrid- España)
Museo Guggenheim (Bilbao- España).
Museo de Arte Moderno (MOMA) ( Nova York- EEUU).
(En inglés)
Museo do Louvre(París-Francia).
BOA VISITA!!!

17 DE MAIO, DÍA DAS NOSAS LETRAS.

Póster incluído no nº 21 da revista Ollos de aula.

Din que a Nosa Lingua está enferma, que perde falantes, que está a ser arrinconada. Eu prefiro quedarme coas boas iniciativas, cas dos mestres e mestras que cren que o seu amor pola lingua se pode transmitir e compartir; cas dos pais, nais, avós e avoas que deciden aloumiñar aos seus en galego; coas de miles de persoas que constrúen,cren,rexorden e soñan  no idioma de Rosalía, Curros, Castelao ou Cunqueiro.
Porque  CONSTRÚO,CREO,REXURDO E SOÑO pido mil primaveras máis para a Lingua Galega!!!
Aquí vos deixo algunha das iniciativas que vos comentaba:
-O proxecto audiovisual "O galego é de todos" do CPR Sagrada Familia de Aldán.
-Do Obradoiro Músicasbarxas sae este "Galiza latina". (IES As Barxas- Moaña)

Para rematar unha reflexión de Don Ramón Cabanillas, o insigne conductor da nosa poesía cara a modernidade.

sábado, 16 de mayo de 2015

NOVO PREMIO.

A principos desta semana atopámonos con esta agradable sorpresa; un novo premio. Chéganos da man  de Isabel e o seu blogue  Recursos para mi clase .
 Moitas grazas , Isabel, por pensar  neste blogue como merecedor dun premio.É todo un halago e sempre  axuda a seguir cun sorriso.
Quero compartir este premio con:

PARABÉNS A TODOS/AS!!!

jueves, 14 de mayo de 2015

MATERIAIS PARA AS LETRAS GALEGAS 2015.

D. Xosé Filgueira Valverde é  o persoeiro ao que se lle dedican este ano as Letras Galegas. Se premedes sobre a imaxe iredes á compilación realizada este curso con materiais e xogos. Non esquezades, que no lateral dereito hai unha pestana que recolle todos os recursos publicados sobre este tema.

miércoles, 13 de mayo de 2015

O QUE OS BICOS CONSEGUEN.

Hoxe é un día importante no calendario pero aínda non está instaurado de maneira oficial.
O que se pretende é conseguir a declaración do  13 de maio como Día Nacional do Neno Hospitalizado. Por iso, as asociacións e principais entidades vinculadas á atención hospitalaria se uniron para pedilo.
Grazas á nosa amiga, Natalia Longo, do blogue Orientación Condesa, enterámonos desta  preciosa iniciativa. Premede na imaxe para ver  a estupenda entrada que fixo sobre o tema.
Como hoxe se fixo un lanzamento masivo de bicos ás portas de varios hospitais e outro lugares   para pedir  a instauración desta data,  nós desde a aula, quixemos contribuir co nos granciño de area. Fixemos a foto así porque nos queremos sumar ao movemento desde as redes sociais, lanzando os nosos bicos co hashtag #dianiñohospitalizado .

Queremos mandar miles de bicos ás familias,aos médicos e enfermeiras e todo o persoal sanitario, aos animadores e mestres, e sobre todo a todos os nenos e nenas que están hospitalizados para que soñen,para que loiten, para que VIVAN. 
Por unha pronta recuperación!!!

Aquí vos deixo un vídeo para celebrar o día.

lunes, 11 de mayo de 2015

COMO A VIDA MESMA (XXIII) (2014-2015)

Caricatura de Dalí de Loili Detoni.

Tal día coma hoxe, no ano 1904, aterraba neste mundo, un xenio surrealista e incomparable, Salvador Dalí. Pintor, escultor, gravador,escenógrafo e escritor foi , e segue a ser, unha das grandes figuras da Arte Mundial con maiúsculas. Hoxe, quero deixarvos para a reflexión, unhas pequenas pinceladas artísticas, que non son pretenciosas, queren ser iniciadoras e creadoras de curiosidade. A ver que tal resulta!!!
Buceando pola rede atopei varias cousiñas:
-Unha introducción á figura de Dalí.
-Un precioso conto que o reflexa ensinándonos a súa obra.
-E unha fotomontaxe coa canción "Ungenio Salvador Dalí" do grupo Mecano pertencente ao seu álbum "Descanso dominical" do ano 1988.

sábado, 9 de mayo de 2015

DÍA DE EUROPA.

Hoxe 9 de maio, celebramos o día de Europa. Para saber máis sobre a celebración desta data, premede na imaxe inferior e teredes información, recursos e enlaces interesantes na páxina do Intef (Instituto Nacional de Tecnologías Educativas y de Formación del Profesorado).
E para aprender divertíndose,  na zona infantil da Web oficial da Unión Europea o xogo ¡Vamos a explorar Europa! Probádeo!!! Se entrades a ler o libro poderedes descargalo en Pdf no voso ordenador. É un deses libros que me entusiasman con moitos datos e curiosidades e que vos axudará no xogo.
FELIZ DÍA DE EUROPA!!!

jueves, 7 de mayo de 2015

ECOS DO DÍA DO LIBRO.

Xa pasaron uns días desde que celebramos no cole esta data que tanto nos gusta, pero aínda non vos contara como fora o tema.
Comezamos o día cunha contadora de historias fantástica que xa nos deleitara facía un par de anos: Sabela Gago. A historia que nos narrou foi a dun garabato; pero non dun calquera, senon dun que era moi especial.
Tras escoitar embelesados,ela fixo un garabato na pizarra e empezamos a buscar que se agochaba detrás del. E sairon cousas ben simpáticas!!!Con esas palabras construimos un conto curto e un tanto disparatado. Pasámolo xenial!!!
Para mostra, estas fotos.
Contacontos.

Pero non remataba aquí a cousa. O Equipo da Biblioteca, que levaba a voz cantante da actividade,propúxonos facer o mesmo pero por parellas. Os nenos e nenas de 3º e 4º estivemos no salón e fixemos un garabato para intercambiar co compañeiro. Unha vez interpretado tocaba inventar algo co que viramos alí. (Hoxe inclúome na actividade porque fixen parella con Marcos Lesta; así é que tamén traballei, jeje). Velaquí tendes os nosos garabatos e as nosas historias. A última, é a miña interpretación e unha creación conxunta cos nenos/as de 4º.

Tamén estivemos na biblioteca facendo unha caza do tesouro. Previamente a teacher María explicou o que era a CDU(Clasificación Decimal Universal) e despois, por parellas, collimos unhas tarxetas e a buscar libros. Estes tiñan pistas e adiviñas  e ata había que resolver crebacabezas no ordenador!!!
Ollade, ollade!!!!
Obradoiro dos garabatos e  Caza do tesouro.

Aínda me queda por contar a última actividade, a dos maracapáxinas , pero será noutra entrada.  As crónicas si que volas deixo.

miércoles, 6 de mayo de 2015

REPASO DE LENGUA (II).

Aquí veñen novos xogos para repasar Lengua Castellana. A ver que tal!!!
Prefijos -aero, -super, -tele cunha actividade de ANAYA. Encontreina no na páxina de Jueduland (CEIP Juan Herrera Alcusa).
Para ver que lembrades das palabras rematadas en -d e -z, outro xogo de ANAYA. Portal de la Junta de Andalucía.
Os artículos e os demostrativos. De http://www.primaria.librosvivos.net/



Repasamos a ortografía do -ll e -y con estas actividades da páxina do Goberno de Canarias.

Os posesivos e numerais e ANAYA. (JuedulandCEIP Juan Herrera Alcusa)



lunes, 4 de mayo de 2015

COMO A VIDA MESMA (XXII( (2014-2015) + PUNTOS.

Portada do libro sacada da rede.

Hoxe traiovos a Como a vida mesma unha historia chea de beleza e inxenuidade infantil (ou non tan inxenua). Da man de Rébecca Dautremer camiña "Enamorados", un relato tenro e conmovedor que nos achega  á definición do que é estar namorados. O audio aparece no blogue Soñando cuentos , que sempre nos ofrece unhas fantásticas recomendacións lectoras para todos os gustos.

Para que teñades máis información desta extraordinaria ilustradora, envíovos ao blogue Trazos de tinta, no que hai un post moi interesante sobre a autora. Premede sobre o enlace para acceder.
Xa sabedes que me gusta moito aproveitar a sección para agasallarvos con novos puntos. Que vos parece? Imos alá.
1º. Visitade o post dedicado á danza e ao jazz.
2º. Lede o manifesto de Israel Galván para a celebración dese día e extraede o nome de tres bailaríns ou bailarinas.
3º. Buscade as datas de nacemento e falecemento (se é o caso) deses personaxes e poñede algún dato biográfico que vos chame a atención.
4º. Escoitade, nesta mesma entrada, "Enamorados".
5º. Escribide a vosa propia definición sobre o que pensades que é estar namorado.
E xa está!!!
Tedes de prazo ata o día 11 de maio, luns. A que esperades? 
Veña, rapaces!!!
Imaxe obtida en Trazos de Tinta

domingo, 3 de mayo de 2015

DÍA DA NAI.

O amor dunha nai non é comparable a nada, nin cuantificable, nin se pode medir. Por iso, tampouco as palabras son suficientes para agradecerlles todo o que fan por nós. Con este vídeo, un agradecemento que sabe a pouco pero cheo de recoñecemento.

No espazo Mundo Primaria  aparecen 9 películas que teñan como protagonistas ás nais.
Preme na imaxe para acceder.

 En El blog de Manu Velasco tamén atoparedes cinco vídeos que falan de todo aquilo que nos aportan e nos dan as nais.
Visítao premendo sobre a imaxe.
E para rematar un pouco de humor.
FELIZ DÍA A TODAS AS MAMÁS!!!

sábado, 2 de mayo de 2015

CANDO LUNA ILUMINA E O DE FELISA TRAE O SOL.

Xa sei que quedei de contar como fora o proceso de preparación do mural co que quixemos agasallar a Xosé Luna cando nos visitou no cole, e penso facelo pero, eu non son de présas. Ou sí, pero sempre hai quen frene.
Decidímonos polo seu último libro, O libro dos bicos , que soaba moi agarimoso;suave aos sentidos e reparador para alma. E comezamos a buscar un poema que poder ilustrar cos peques. Xa tiverámola sorte de traballar man a man cos picariños de 3 e 4 anos pero esta vez o reto era maior: con todos os nenos e nenas de Infantil.
O traballo foi doado porque os nenos/as todos estaban entusiasmados e as profes.... tres cuartos do mesmo!!!
Quero deixarvos aquí unha presentación que resume  a nosa actividade de preparación  de lectura e realización do mural. Espero que vos guste!!!

Grazas, Xosé, por iluminarnos co facho das túas verbas, e grazas, Manoele, por traer raios  brillantes e musicais á nosas aulas.
Grazas profes,Cruz e Vane, por estes intres de aprendizaxe colaborativo e goce dunha bonita actividade!!!

E como non podía ser doutro xeito, os alumnos/as de cuarto fixeron as súas crónicas do día. Ollade o que lles pareceu!!!
Presentación feita con Yumpu.com (saquei a idea do blogue da nosa amiga Ana Martínez, da cal aprendo constantemente. Grazas, Ana)