sábado, 12 de julio de 2014

ATA SETEMBRO!!!

E por fin , CHEGOU A DIVERSIÓN!!! É o momento de descansar e desconectar un pouco para poder recargar ben as baterías. Nesta última entrada do curso quero ofrecervos  un par de cousiñas para pechar: en primeiro lugar, unha montaxe que fixen con moito cariño e algo de pesar,para agradecervos aos meus alumnos/as todo o aportado neste tempo. Hai moitas cousas que fixemos visibles a través do blogue e que foron estupendas pero eu, permitídeme esa licenza, quero quedarme con todas aquelas que pasaron no cole ou fora,  que non  foron públicas , esas que quedan entre vós e eu; entre alumno/a e mestra: os xestos, as confesións, as miradas, o entusiasmo..... e un montón de situacións máis que non se mercan,  vívense e séntense . Por todo isto, o meu eterno agradecemento.
(Se queredes ter as fotos que nos fixo a nosa fotógrafa particular(Vane) ou as montaxes que fixen eu, premede aquí.)

En segundo lugar, cólgovos o vídeo que realizamos nos últimos días do curso.  Que ninguén se fixe no acompasados que van nalgúns momentos, o mellor foi o ben que o pasamos bailando xuntos, coa profeVane e  os picariños  e sen dar clase, ou non? Grazas á profe por outo vídeo xenial!!!
Con el inauguramos  as vacacións no blogue. Podedes escribirme por correo electrónico ou ordiario(hai quen xa o fixo), ou poñer comentarios nas entradas e na caixa, porque de cando en vez pasareime a ver se hai noticias vosas.
Sen máis...BO VERÁN A TODOS/AS!!!

viernes, 11 de julio de 2014

MEME DE QUE...?

Pois si amigos, esa foi a miña primeira reacción fai uns días cando, vendo as entradas dos blogues que sigo, apareceu  escrito "Un meme de Internet: Menudo susto!!!"(Blogue Los peques de mi cole de Cati Navarro). Pensei se sería un virus  ou algo polo estilo e decidín investigalo. Unha vez  indagado o tema quedei tranquila pensando que estas cousas son para "xente entendida", si, eses blogueiros que levan anos, que teñen moitos premios, que controlan moitas ferramentas e son referente neste ámbito. Pero resulta que hoxe pola mañá me atopo cunha invitación para seguir un  destes" Meme de Internet", cortesía da nosa amiga Ana Martínez Rey de AulaTic. Sentínme moi alagada e orgullosa por ser invitada a participar nesta nova idea, non porque crea que pertenzo a ese grupo  de "xente entendida " que antes mencionaba, senon porque  a invitación ven de dunha gran profesional que sempre me animou cos seus comentarios e ademais anteriores participantes son , coma ela , modelos a seguir.
Unha vez recuperada do "shock", decídome a facelo o mellor que sei.
Vin que o primeiro que se suele facer é poñer unha definición de Meme de Internet: (Eu copiarei  a de  Ana, que seguro que non lle parece mal, jejeje):

"O término meme de internet úsase para describir unha idea, concepto, situación, expresión e/ou pensamento manifestado en calquera tipo de medio virtual, cómic, vídeo, textos, imaxes e todo tipo de construcción multimedia e colectiva que se populariza a través dun hipervínculo, foros, imageboard, sitios web e calquer outro difusor masivo como o son hoxe en día as redes sociais."
Este meme, en concreto, persegue coñecer (a través de catro preguntas) a nosa experiencia como escritores dun blogue e invitar a tres blogueiros máis a que continuen coa labor iniciada.

Estas son as preguntas:
1.Sobre que estou escribindo actualmente?Agora mesmo escribo sobre o fin de curso porque xa rematei as entradas que tiña pendentes. Este ano creo que levei  o traballo no blogue bastante ao día pero o remate fíxoseme un pouco intenso e non dín atendido a todo. Xeralmente falo das cousas que facemos na aula e todo o relacionado: actividades, conmemoracións, proxectos, novos retos, recursos vinculados, etc.

2. En que difire a miña escritura da de outros que  desenvolven o mesmo xénero? Non creo que difira en nada substancial  con respecto á xente que practica este xénero.Para ben ou para mal , gústame moito seguir blogues e aprender deles pero no tema da escritura prefiro non fixarme no que fan os demais. Escribo o que a min me parece porque considero que é algo propio.

3)Por que escribo o que escribo?Bueno, decidín comezar cun blogue porque  a profe Vane tiña un e animoume a facelo. Como xa dixen noutras ocasións ensinoume todo o que sei e unha vez comezado o traballo, que pretendía visibilizar o que facemos na aula, vin que aos nenos/a lles gustaba ollar todo o que facían, se motivaban moito con actividades como os puntos ou temas de reflexión e que tamén chegaba ás familias.Como engadido, apareceron proxectos para colaborar, comentarios de ánimo, algún premio... e todo isto condiciona o por que eu escribo; é unha satisfacción persoal ver que o que fas, dunha maneira ou outra, vai chegando, motivando, axudando....

4)Como é o meu proceso de escritura? Nunca me plantexei algo así, a verdade. É sinxelo, séntome fronte ao ordenador, penso nas entradas que quero facer en función das actividades, conmemoracións, etc  intentando priorizar e comezo a escribir sobre o tema. Primeiro escollo un título, que me gusta que sexa chamativo (ás veces non o consigo) e despois deixome levar completamente polo que se me ocorre. Gústanme as cousas claras e concisas (aínda que as veces son un pouco laberíntica), con imaxes e presentacións e procuro sempre revisalas para que todo funcione ben. A tecnoloxía, en ocasións, xoga malas pasadas.

 E agora, sen intención de cargarme o verán de ninguén,quero compartir e convidar a este meme a:
- Profe Vane do blogue Os pícaros de Vane.
-Carmen Parets do blogue CatacricatacraC.
-Natalia Longo do blogue  Orientación Condesa.




miércoles, 9 de julio de 2014

NO VERÁN...

Antes de pechar o chiringuito por vacacións gustaríame  deixarvos algúns enlaces para que gocedes do tempo de lecer se o tedes a ben.
Premede nas imaxes para acceder
-O Portal Educativo de la Junta de Castilla y León ofrécenos, coma todos os anos, moitas actividades para repasar e gozar durante as vacacións.Na 1ª imaxe iredes directamente aos xogos do verán , que están separados en Infantil, Primaria e Secundaria , e na 2ª, tedes  máis xogos desa páxina.
-En Jueduland tamén atoparedes recursos interesantes.
E por último , se non tendes a posibilidade de viaxar  recordade a frase de Emily Dickinson:

martes, 8 de julio de 2014

AGASALLOS

Este final de curso foi moi especial porque rematamos o segundo ciclo de Primaria e o noso cuarto ano xuntos. Quen sabe o que pasará para o curso? Non o sei, solo podo falar do xa vivido, do que quedará para sempre no recordo e ninguén nos poderá arrebatar. No último día de clase  vivimos unha chea de emocións que nos souberon a pouco e recibimos agasallos por un tubo os uns dos outros. Ensínovolo aquí, nalgunha das instantáneas do día.
AGASALLOS PARA OS NENOS/AS.
Encantaríame saber se comestes as galletas, se vistes as fotos e  lestes os libros. Pero se non tendes tempo agora ; xa preguntarei en setembro.
 AGASALLOS PARA A PROFE.
Quedei  gratamente sorprendida e estarei eternamente agradecida por todos os obsequios cos que quixestes recoñecer a miña persoa.
 GRACIÑAS NENOS/AS, FAMILIAS E AMIGA-PROFE; NON MEREZO TANTO.


lunes, 7 de julio de 2014

PRENSA NA ESCOLA.

Como xa sabedes estivemos durante o curso dentro do programa "Prensa-Escuela" de "La voz de Galicia". Aquí vos queda un resumo dalgunhas das cousas que fixemos.

domingo, 6 de julio de 2014

RECOMENDACIÓNS LECTORAS.

Como todos os veráns queremos recomendarvos os libros que máis nos gustaron durante o curso. A ver se vos orientan nas vosas lecturas estivais!!!
Non vos perdades a nosa revista escolar "O Formigueiro", nela aparecen miotas das actividades que fixemos durante o curso. Se premdes na imaxe poderedes lela no blogue de Normalización.

sábado, 5 de julio de 2014

A BOLSA MÁXICA.

Polo mes de febreiro chegou á nosa aula unha Bolsa Máxica que nos intrigou moito e  nos brindou agradables sorpresas. A orixe  da súa aparición é longa de contar pero para resumir direivos que xurdiu dunha conversa na aula, nunha de tantas que temos entre exercicios, explicacións, correccións e "shhhsssss, shssss".Que se o meu marido sabe debuxar, que se pode  debuxar un camaleón, que se escríbelle unha nota para preguntarlle.... ao final, todos escribiron a súa petición e todos recibiron, a través da Bolsa, o seu debuxo. Cando vexades a presentación fixádevos nas caras dos nenos/as; gocei tanto coma eles descubrindo cada lámina. Ben é certo que hai cousas que son impagables!!!
Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
Pero , a profe, non podía deixar pasar semellante oportunidade e  propuxo un novo reto: cada debuxo debía ter a súa propia  composición. E  este foi o resultado:
"Retatando historias".


Preme sobre  a imaxe se queres descargar o libro en pdf.


viernes, 4 de julio de 2014

A VOLTA DE MALAMÉN.

O ano pasado, por estas datas de final de curso, tivemos a sorte de contar coa presenza na nosa aula de César López Cachafeiro.  O pai de Adán, naquela ocasión  visitábanos para falar de "Malamén", o libro que nos escribira e do que nos convertera en protagonistas. Nesta nova cita veu a agasallarnos coa secuela do libro anterior, "Malamén H" , e tivo a ben asinarnos os  exemplares regalados. Como non podía ser doutro xeito agradecémosllo ao autor cuns debuxiños sobre a historia e cun vídeo ,que chegou a ver a luz grazas á intervención da profe Vane, que sempre nos secunda en tolas ideas e disparates varios.
A ver que vos parecen!!!
 

GRAZAS POR TODO, CÉSAR!!!

jueves, 3 de julio de 2014

MÁIS TRABALLIÑOS.

Xa quedamos en que ao longo deste curso fixemos moitísimas cousas. Algunhas terán que quedar no tinteiro pero outras quero mostrárvolas. Nesta entrada poderedes disfrutar duns Seres Fantásticos que os nenos/as escolleron e describiron, previa recollida de información, e dunhas estupendas greguerías , que se Don  Ramón levantase a cabeza.....seguro que se sorprendía gratamente.Un traballo está en Lingua Galega e outro en Lingua Castelá para que vexades que dominamos  as dúas (cando nas meturamos, jejeje)
Este é o debuxo que fixo o papá de Adrián Soto dun troll.
Grazas Domingo pola túa aportación.

miércoles, 2 de julio de 2014

OS NOSOS AMIGOS, OS ANIMAIS.

Tivemos a sorte de recibir na última semana de cole, a visita  de tres chicas do Refuxio de Animais de Cambados e tres dos seus inquilinos, que fixeron as delicias de grandes e pequenos. Contáronnos  un montón de cousas interesantes e as mascotas, ademais de deixarse acariñar, demostráronnos o que sabían facer : Annie é unha experta matemática, que sabe ata multiplicar.


Se queredes saber máis premede na imaxe.

martes, 1 de julio de 2014

ENTREVISTANDO Á EXPERIENCIA (III)

E hoxe chega a última entrega das entrevistas feitas aos nosos queridos avós. Creo que falo por todos ao dicir que foi un pracer poder pasar máis tempo con tan marabillosas persoas e aprender unha morea de cousas sobre as súas vidas.
Xa sementei , espero que xermole!!!
Estas entrevistas están realizadas polos alumnos/as de 4º de Primaria. A presentación é obra única e exclusivamente deles; cada un fixo o traballo como quixo.